O exfutbolista recibiu o galardón de mans da alcaldesa Mariña Gueimunde e Manolo Cadramón, xefe do servizo de Deportes da Xunta en Lugo
Viveiro, 22 de abril de 2025. Kiko Rey, exxogador de fútbol, foi premiado en marzo pola Xunta de Galicia coa distinción ao mérito deportivo de Galicia 2024. Non puido asistir á cerimonia celebrada en Ourense o 26 de marzo, pero hoxe a mediodía recibiu o galardón no Concello de Viveiro de mans da alcaldesa Mariña Gueimunde e Manolo Cadramón, xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo.
Francisco «Kiko» Rey García rematou a súa traxectoria como futbolista no Viveiro logo de vestir a camiseta dalgúns dos clubs máis senlleiros de Galicia, como o Racing de Ferrol, o CD Lugo ou o CD Ourense, e mesmo de xogar fóra da comunidade en equipos como o Salamanca –no que militou en Primeira División–, o Eibar ou o CD Logroñés.