O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación entregou os 760 avais este luns na sede do partido en Lugo, amosando o seu agradecemento á militancia e afirmando que se presenta “con forza, ilusión e sobre todo, cun profundo compromiso co noso partido e con todos os lucenses”
Lugo, 7 de abril de 2025. O Alcalde de Monforte de Lemos e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, formalizou este luns a súa candidatura para revalidar o liderado do socialismo lucense, presentando 760 avais na sede do partido na cidade de Lugo, situada na rúa Salmón. Estivo acompañado polos representantes da súa candidatura, Gloria Prada e Pablo Rivera Capón.
“Hoxe quero falarvos con emoción, con humildade e con moito agradecemento. Presento oficialmente a miña candidatura á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo. E fágoo con forza, con ilusión e, sobre todo, cun profundo compromiso co noso partido e con todos os lucenses”, expresou Tomé.
O dirixente socialista agradeceu “de corazón o apoio e a confianza de tantos compañeiros e compañeiras que, desde todas as comarcas, agrupacións grandes e pequenas, veteranos e novas incorporacións, quixeron avalar este proxecto común”.
Os 760 avais presentados supoñen unha ampla maioría respecto aos necesarios, e reflicten un respaldo que vai máis alá do formal: “Sen vós, sen a militancia, nada disto sería posible. Grazas polas vosas palabras de ánimo, polo voso traballo e polo compromiso diario co noso proxecto político”, recoñeceu Tomé.
Tamén tivo palabras de respecto cara a quen apoia outras opcións dentro do proceso interno: “Quero mostrar o meu respecto máis absoluto a quen decidiu avalar a outra candidatura, a encabezada por Iván Castro. Este é un partido profundamente democrático, onde todas as voces teñen cabida. A pluralidade enriquécenos, e eu sempre estarei do lado do respecto e da convivencia interna. O proceso de primarias sempre é un proceso enriquecedor e democrático, onde os militantes deciden co seu voto. E eu como fixen sempre, sométome a o seu veredicto e confío plenamente no seu apoio maioritario”.
Coa candidatura xa presentada, Tomé inicia agora unha nova etapa de contacto coa militancia: “Vou percorrer a provincia, falar con cada agrupación, escoitar as inquedanzas, compartir propostas e, sobre todo, construír xuntos un proxecto colectivo. Un proxecto que non nace dunha persoa, senón dunha idea compartida: seguir facendo do Partido Socialista a forza transformadora da provincia de Lugo”.
O actual Secretario Xeral defendeu que a súa candidatura representa continuidade, pero tamén renovación e impulso: “Queremos consolidar os nosos gobernos municipais, recuperar espazos, conectar coa cidadanía e construír unha provincia máis xusta, máis cohesionada e con máis oportunidades”.
José Tomé lembrou que o PSdeG-PSOE é moito máis ca unha organización política: “É unha forma de entender a vida, un compromiso co ben común, coa igualdade, coa xustiza e coa defensa do público. É o partido que estivo sempre ao carón da xente e que seguirá estando”.
“Teño orgullo de ser socialista e de pertencer a esta familia dende hai moitísimos anos”, concluíu Tomé. “Quero seguir sendo o voso Secretario Xeral para seguir sumando, para seguir servindo á militancia e para fortalecer, entre todos e todas, un partido con ideas claras, con cabeza e con corazón. Porque somos o partido da xente, o partido que transforma e o partido que nunca se rende, dende a tranquilidade, a seriedade e o respecto institucional, tal como levamos demostrando nestes seis anos á fronte da Deputación e os tres anos que levo como Secretario Xeral na provincia de Lugo”.