O proxecto conta cun investimento de case 180.000€ e inclúe a mellora dun tramo de preto de 4 quilómetros da LU-P-2206, a vía que une Roupar con Vilapedre, en Xermade; e a reposición de marcas viais en algo máis de 9 quilómetros na LU-P-6509, a estrada que vai de Carrizo a Lousada, en Vilalba
Lugo, 12 de abril de 2025. A Deputación de Lugo vén de iniciar as obras de mellora en dúas estradas provinciais que unen Xermade e Vilalba e que contan cun investimento da institución provincial de case 180.000€.
O proxecto inclúe, por unha banda, o acondicionamento dun tramo de 3,6 quilómetros na LU-P-2206, a estrada que vai desde Roupar ata Vilapedre por Lousada, no municipio de Xermade. En concreto os traballos afectan ao treito que vai do punto quilométrico 1,897 ao 5,500 e consisten na reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente, a sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas e a reposición da sinalización vertical.
Por outra banda, a institución provincial tamén contempla neste proxecto a reposición de marcas viais no totalidade da LU-P-6509, a estrada limítrofe que vai de Carrizo ata Lousada, no concello de Vilalba. Actuarase, polo tanto, desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 9,027.
O prazo de execución destes traballos é dun mes e a empresa que os está a executar é Francisco Gómez y Cía SL.