Por fin. Galicia, despois de décadas de agardar, consegue asumir a xestión da súa costa. É unha boa nova, sen dúbida, e hai que felicitar ao presidente Rueda por ter pechado esta transferencia. Non é un paso menor: falamos de máis de 1.500 quilómetros de litoral, cun impacto directo na planificación, na protección ambiental, no desenvolvemento económico e, sobre todo, no sentido común territorial e na identidade. Pero ollo, que non nos cegue a marea e o bo tempo.
Primeiro, os cartos. 1,2 millóns anuais e unha partida inicial de 687.000 euros. En serio? Ese é o valor que o Estado lle dá a unha das nosas maiores riquezas naturais e produtivas. É unha cifra ridícula, que non se corresponde nin coas necesidades nin co potencial que asume Galicia. Hai consellerías que gastan máis só en informes. Se queremos facer as cousas ben, isto non pode saír sempre unicamente do peto de Galicia.
Segundo, chega tarde. Dende a aprobación do Estatuto en 1981, levamos máis de corenta anos agardando que se cumpra. E aínda hoxe, para que esta transferencia fora posible, tivemos que aprobar unha lei propia no Parlamento galego, enfrontándonos ao Estado. Un proceso innecesario se houbese vontade real de recoñecer o noso autogoberno.
E o que é máis grave: a transferencia da costa é só unha das moitas que Galicia leva décadas reclamando. Seguimos sen competencias sobre a AP-9, sen xestionar o Ingreso Mínimo Vital, sen ferramentas propias en política laboral ou migratoria. Todo iso segue centralizado en Madrid un sen xeito.
E aquí tamén cómpre dicilo: o BNG, que leva meses proclamando que ten a chave do Goberno central grazas ao seu deputado en Madrid, ten pouco ou nada que amosar en termos de resultados concretos para Galicia. Moito ruído, moita declaración simbólica, pero as competencias seguen sen vir. E mentres uns botan a culpa a outros, quen perde é o país.
Aínda así, hoxe é un bo día. Porque a descentralización funciona. Porque cando se xestiona dende aquí, faise mellor. Porque non se trata de privilexios, senón de eficacia, de coñecer o territorio, de tomar decisións adaptadas á nosa realidade co sector e coa sociedade.
Galicia precisa máis competencias, máis ferramentas, máis capacidade de decisión. E precisa tamén demostrar que, cando se nos dá a responsabilidade, estamos á altura.
Agora toca sentidiño. Cabeciña para ordenar, para priorizar, para facer da industria costeira un motor sostible, moderno e competitivo. A costa non pode ser nin unha postal baleira nin un desorde sen sentido. Temos talento, temos universidades, tradición mariñeira e empresas punteiras. Fáltanos planificación valente e estabilidade normativa.
Hoxe celebramos. Pero mañá toca seguir reclamando. Porque o importante non é só ter o timón, senón saber cara onde navegamos. E ter marabillas na costa non serve de nada se seguimos atados de mans dende terra firme.
Juan Carlos Piñeiro Docampo
Sº Xeral de CxG
Membro dirección do Partido Demócrata Europeo