O municipio acollerá eventos deportivos como a V Enduro Monte Castelo ou o V Torneo M&W de Minibásket na súa categoría infantil feminina
Burela, 11 de abril de 2025. O Concello de Burela acollerá numerosas actividades esta fin de semana para darlle a benvida ás festas de Semana Santa. Haberá música, teatro, deporte e moito máis.
“Será o comezo dunha programación para todos os gustos, chea de variedade e calidade, coa que desfrutar ao máximo estas festas en Burela”, sinala a alcaldesa Carmela López.
Hoxe, venres 11 de abril, haberá un concerto da cantante Marilia Monzón ás 21:00 na Casa da Cultura, como parte do ciclo Maraxes da Osa organizado pola asociación Fanto Fantini.
Mañá, sábado 12, comezarán en Burela os partidos da categoría infantil feminina do V Torneo M&W de minibásket. Haberá encontros ás 10:30 e ás 12:00 no pavillón Vista Alegre e ás 17:30 e ás 19:00 no Monte Castelo.
Ademais, de 10:30 a 13:30 e de 15:00 a 18:15 haberá entrenamentos para a proba ciclista Enduro Monte Castelo do domingo. Ás 18:30 haberá un tramo urbano cronometrado non puntuable, e ás 22:00, un concerto de Louband na praza do Concello.
Tamén mañá terá lugar a representación da obra de teatro infantil ‘Facendo o indio’ por parte de Galitoon. Será ás 18:00, tamén na Casa da Cultura, e a entrada poderá ser adquirida alí a un prezo de 3€.
O domingo comezará a proba V Enduro Monte Castelo, que se desenvolverá de 8:30 a 14:30. A partir das 15:00 será a entrega de trofeos da mesma. Tamén haberá novos partidos do V Torneo M&W, ás 10:15 e 11:45 no Vista Alegre.
Tamén se poderá visitar a exposición Xeración Líder na Praza do Concello de Burela. Trátase dun percorrido polas 1.000 publicacións de Líder, o suplemento de La Voz de Galicia que leva case 20 anos recollendo o deporte base na provincia.