As nenas e nenos utilizan pinturas fotocatalíticas, concibidas para absorber os gases contaminantes
En «Plantando árbores con pinceis» o alumnado aprende que o uso deste tipo de pigmentos é útil dado o seu poder de absorción dos gases contaminantes derivados do tráfico e das industrias, fomentando a creación de espazos escolares ecoloxicamente máis depurados grazas á implicación das mozas e mozos do centro. Unha innovadora proposta que ten como obxectivo achegar ao estudantado unha mensaxe positiva sobre o coidado da contorna, propoñendo alternativas de lecer que fomentan o respecto ao medio natural a través da arte, cunha metodoloxía participativa e colaborativa.
O proxecto consiste en coordinar ao estudantado participante para realizar un mural, con estas pinturas e con temáticas relacionadas co medio ambiente, na parede que designe o centro escolar. A actividade complétase con talleres de pintado de bolsas de tea nos que se traballará a temática ambiental desde un enfoque participativo, o que facilita a toma de conciencia sobre a importancia de coidar da natureza.
Desde que se iniciou o proxecto en 2021 e, unha vez finalice esta nova edición, máis de 17000 escolares e docentes pintarían máis de 175 murais en centros educativos de toda Galicia.