A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “a campaña de Acisa do día da nai terá lugar do 25 de abril ao 4 de maio. Aquelas persoas que fagan as súas compras nos comercios asociados recibirán papeletas para participar no sorteo dos tres premios que poñemos en xogo: unha experiencia para dúas persoas a escoller entre diferentes destinos, unha visita guiada a Bodegas Docampo en Ribadavia con noite e aloxamento para dúas persoas no seu hotel Pazo Carballo e unha cea para dúas persoas no restaurante A Horta de San Roque”.
O xerente das asociación, Jesús Pérez, indicou que “son 9.000 as rifas que poñemos en circulación nesta nova edición da campaña do día do nai de Acisa Ribadeo. O sorteo non presencial celebrarase o 6 de maio a porta pechada nas nosas oficinas escollendo tres rifas de todas as que foran cubertas nestes días e posteriormente daranse a coñecer os gañadores nas redes sociais e nos medios de comunicación. As bases do sorteo poden consultarse na web e nas redes de Acisa”.
Cruzado Iglesias subliñou que que “o próximo 4 de maio é a data na que celebramos o día da nai, xornada moi importante para ter un detalle coas nosas nais, para ter un agasallo especial con quen mais nos quere e nos coida. Todo o que precisamos para sorprendelas podemos atopalo no comercio de Ribadeo, que é un referente en toda a contorna, e despois podemos saír celebralo na hostalería local, onde nos agardan espectaculares pratos elaborados con produtos saborosos do mar e da terra. Ese día, o 4 de maio, Acisa repartirá flores polas rúas para ter un detalle coas mamás coas que nos atopemos, ao igual que xa fixemos en anos anteriores. Estaremos polas rúas comerciais de Ribadeo a partires das doce do mediodía. As persoas que queiran unha flor, que nos busquen, estaremos encantados de agasallalas”.
O xerente de Acisa anima “a mercar no comercio local, ese que temos a carón das nosas casas, no que traballan persoas que coñecemos e onde recibiremos consellos e atención personalizada para elixir o que máis nos interesa para sorprender ás homenaxeadas nesta data tan especial”.
A campaña do día da nai de Acisa Ribadeo está cofinanciada pola Xunta de Galicia, e conta coa colaboración de Bodegas Docampo e A Horta de San Roque. Na presentación participaron Manoli Torviso, Trinidad Otero, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, directivas e xerente do colectivo empresarial ribadense.
Día internacional dos cascos históricos
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “Acisa, como membro da Confederación Española de Asociaciones de Comerciantes de Cascos Históricos de España (COCAHI) celebrará tamén o 4 de maio o Día dos Cascos e Zonas Históricas de España – La Madre de Todas Las Ciudades. Desde a COCAHI traballan co Goberno para conseguir que a ONU declare o Día Internacional dos Cascos Históricos, co obxectivo de resaltar a labor que levan a cabo nestas cidades e vilas os seus empresarios e empresarias, que as manteñen vivas e dinámicas. Desde Acisa non podemos mais que apoiar esta petición e unimos ao día da nai esta reivindicación co fin de darlle visibilidade a ambas celebracións”.