Site icon Crónica3.com A Mariña

“Domingo de Pascua”. Mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol co gallo da Pascua de Re surrección 2025

Mondoñedo-Ferrol, 20 de abril de 2025

Hoxe é Pascua de Resurrección. Un día grande para os cristiáns, o punto de referencia da nosa fe. Cada domingo convértese nun eco desta solemnidade. Celebramos que Cristo, o Crucificado, foi resucitado. El foi o primeiro, o primoxénito de entre os mortos. Pero un día tamén nós resucitaremos. Esta é a nosa esperanza que nos permite vivir e afrontar o futuro. Porque os cristiáns somos o pobo da esperanza. Non porque pensemos que as cousas van saír ben, non porque queiramos ser optimistas por natureza, senón porque sabemos que a nosa vida non conclúe no baleiro, senón que ten unha meta, unha meta tan grande que xustifica o esforzo do camiño. Como nos lembra o papa Francisco: «A esperanza cristiá consiste precisamente nisto: ante a morte, onde parece que todo acaba, recíbese a certeza de que, grazas a Cristo, á súa graza, que nos foi comunicada no bautismo, «a vida non remata, senón que se transforma» para sempre».

Moitas veces, e de formas diferentes, as distintas xeracións preguntáronse como será iso, como se producirá esta resurrección ao final dos tempos. San Paulo responde a esa pregunta observando os fenómenos da natureza. Nela dáse ese proceso de continuidade e descontinuidade que está presente tamén no acontecemento da resurrección. Toda a natureza está chea de momentos de morte e resurrección, especialmente cando observamos o gran de trigo que, podrecéndose, dá luz a un corpo novo e diferente. Non sabemos como, pero non é irracional, Deus faino na natureza e pódeo facer connosco. Non podemos responder á forma, pero estamos seguros de que un día tamén nós resucitaremos con Cristo e a morte será vencida definitivamente.

Pero a nosa esperanza na resurrección non só é un acontecemento do futuro. Sería pouca cousa e daría a sensación de que a nosa fe no Resucitado tería que agardar ao mañá. Non é a certeza do final dunha película feliz, senón que é a forza e a graza que nos permite e axuda a vivir no hoxe e aquí da nosa historia. Cristo vive e quérete vivo. Cristo vive e quere darche a súa vida, vivificarte, encherte da súa mesma graza.

Esta é a experiencia que fixeron os apóstolos e as mulleres na mañá do primeiro domingo. Esta é a experiencia real na vida de todo crente ao longo da historia. Porque o descubrimento de Xesús como o Vivente cambia a vida e é o inicio dun camiño de fe, que se converte en resposta de amizade a un acontecemento de amor previo. Si, atravesa a porta que é Cristo para entrar na vida que o amigo da vida che quere regalar.

Os sacramentos son eses agasallos que o Señor nos fai para ofrecernos esta vida que nace da Pascua. E xunto cos sacramentos, a vida nova en Cristo experiméntase na comunidade cristiá que vive grazas ao Espírito. O Espírito é o que nos fai vivir e ter vida. Por iso, durante a Pascua leremos o libro dos Feitos dos Apóstolos, para facer nosa a mesma experiencia daquela primeira comunidade de viventes crentes que, pola acción do Espírito, querían xerar moita vida ao seu redor. Toda unha provocación tamén para nós hoxe!
Queridos amigos: Felices Pascuas de Resurrección! Que no medio desta cultura de morte, os seguidores do Resucitado sexamos luz, fermento, esperanza, fonte de nova vida. Resucita, vive e vivifica o noso mundo.

O voso irmán e amigo,
Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Exit mobile version