Site icon Crónica3.com A Mariña

Comunicado oficial dos socialistas de Viveiro sobre as informacións aparecidas da que foi concelleira de Igualdade, Lara Fernández

Viveiro, 16 de abril de 2025. Ante as informacións aparecidas nos medios de comunicación relacionadas coa que foi concelleira de Igualdade do Concello de Viveiro, Lara Fernández, desde o PSdeG-PSOE de Viveiro queremos facer as seguintes consideracións:

Respecto polos feitos e responsabilidade asumida

Produciuse un altercado no ámbito privado dunha parella, que adquiriu unha repercusión pública debido a que unha das persoas implicadas, Lara Fernández, ocupaba un cargo institucional. Ela mesma, de maneira responsable, decidiu presentar a súa dimisión e renunciar á súa acta de concelleira, que farase efectiva o vindeiro luns 21 de abril, asumindo así as consecuencias públicas derivadas deste feito.

Defensa da intimidade e rexeitamento do linchamento social e mediático

Desde esta agrupación queremos condenar con firmeza o linchamento social e mediático que está a sufrir Lara Fernández. Trátase dun feito acontecido no ámbito estritamente persoal, que en ningún caso debe ser utilizado con fins sensacionalistas nin politizado por intereses alleos. As persoas teñen dereito á súa intimidade e á súa protección, especialmente cando xa tomaron decisións que evidencian un exercicio de responsabilidade. Ademais, aclarar que o partido en ningún momento exerceu presión algunha sobre medios de comunicación para evitar a publicación da noticia.

Recoñecemento ao traballo realizado

Queremos agradecerlle profundamente a Lara Fernández o seu traballo desinteresado e altruísta, tanto no seo do PSdeG-PSOE como no Concello de Viveiro, onde puxo en marcha políticas vinculadas á cultura, á igualdade, ao benestar social e á defensa dos dereitos das mulleres. Fíxoo sempre sen recibir remuneración económica, movida unicamente polo seu compromiso co servizo público.

Compromiso coas vítimas e condena da violencia

O Partido Socialista de Viveiro reitera, como sempre, a súa condena firme e rotunda de calquera forma de violencia. A nosa postura nesta materia é clara, sen matices nin excepcións. Cremos, ademais, que é preciso actuar con rigor, respecto e responsabilidade cando estes feitos afectan á vida privada das persoas.

Desde o PSdeG-PSOE de Viveiro “pedimos respecto pola intimidade de Lara Fernández e que se deixe de instrumentalizar políticamente un feito persoal que xa tivo consecuencias públicas”.

Exit mobile version