Madrid, 7 de abril, 2025. César Mogo, senador por Lugo, interviu na Comisión de Transportes do Senado afirmando que “a actuación do senador Balseiro na Cámara Alta está inspirada na película Benvido Míster Marshall. Abriu mesa de peticións e calquera demanda que lle chega, desde pintar as raias da estrada a construír grandes infraestruturas, lévaas de inmediato ao Senado sen reparar nos custos e riscos e sabendo que as mocións non levan ningunha obriga de cumprimento.
Esta vez foi a propósito da N-634 entre Mondoñedo e Abadín. “Curiosamente para urxir ao arranxo argumentando que é unha vía alternativa aos peches do Fiouco na A8, cando desde 2022 que se instalaron os sistemas de balizas, o peche da vía reduciuse drásticamente. É máis curioso que o faga el, cando o PP hai anos non amañou a estrada e votou no Parlamento de Galicia contra sistemas de protección dun nivel inferior ao que máis tarde instalou o goberno socialista”.
“Tamén é evidente que o senador Balseiro ten por costume esixir todo e todo á vez, só cunha excepción, que a titularidade sexa da Xunta de Galicia. Ou dito de doutro xeito, que as denuncias teñan como destino ao Goberno de España. Se a titular é a Xunta non hai nin mención nin moción”.
“O cinismo é de tamaño colosal. Por exemplo, Feijóo e o propio Balseiro comprometéronse até cun comunicado en maio de 2019 que a estrada que une Viveiro e Cabreiros melloraríase até o punto de que na maior parte do seu percorrido contaría con carrís de adiantamento. Vai para 6 anos e as obras seguen esperando, malia que Balseiro anunciou até a partida en que serían incluídas no ano 2019. Un incumprimento flagrante que non lle impide reclamar ao goberno de España todo e á vez. Para tentar sacar cabeza nos medios vale calquera anuncio. Pero unha cousa é predicar e outra dar trigo”, remata o senador socialista.