Javier Castiñeira esixe ao alcalde e ao seu equipo máis organización nas contas e o cumprimento estrito da legalidade, tal e como tamén solicita o propio interventor municipal
Foz, 22 de abril de 2025. O Partido Popular de Foz denuncia que existen máis de 811.000 euros en facturas sen pagar do ano 2024, segundo consta nun informe desfavorable que recolle múltiples reparos á xestión económica do goberno socialista.
Baseándose nese informe de intervención, desde o PP de Foz alertan de que máis de 700 facturas presentan defectos na contratación, destacando o abuso de contratos verbais, a falta de procedemento administrativo e o fraccionamento de contratos para evitar a convocatoria de procesos abertos con concorrencia.
“Estamos ante un auténtico despropósito na xestión administrativa” asegura o voceiro do grupo municipal popular, Javier Castiñeira, lembrando que esta situación xa foi denunciada con anterioridade polo PP. “As consecuencias máis directas están a sufrilas as propias empresas contratadas, que levan meses, e incluso máis dun ano, sen cobrar polos seus servizos”, continúa Castiñeira.
O problema agrávase ao comprobar que estes 811.000 euros van ser cargados aos orzamentos prorrogados, xa que o goberno socialista de Foz aínda non presentou un novo orzamento para este ano 2025, provocando un desequilibrio nas contas municipais. Por exemplo, a partida de festas ou de propaganda e comunicación do 2025 vanse a consumir coas facturas das festas do 2024 polo que as empresas que se contraten este ano dificilmente cobrarán ata o que ven.
Javier Castiñeira esixe ao alcalde e ao seu equipo máis organización nas contas e o cumprimento estrito da legalidade, tal e como tamén solicita o propio interventor municipal. “É hora de que asuman a súa responsabilidade e deixen de culpar ao persoal técnico, como fixeron na última Xunta de Voceiros”, afirma o voceiro popular.
“En definitiva, estamos ante unha mostra máis da desidia e mala xestión do goberno socialista de Foz, que está a prexudicar gravemente tanto ás arcas municipais como ás empresas que prestan servizos ao Concellos”, conclúe Javier Castiñeira.