A iniciativa “Eu, a pé ao cole” pretende mellorar a saúde física e mental da mocidade e reducir o impacto ambiental na contorna urbana
Burela, 23 de abril de 2025. O Concello de Burela puxo en marcha esta semana a campaña “EU, A PÉ AO COLE”, un proxecto que busca fomentar o desprazamento a pé entre o alumnado dos centros escolares da vila.
A iniciativa comezou onte nos colexios e continuará o vindeiro luns nos institutos, co obxectivo de consolidar hábitos saudables e sostibles entre a infancia e adolescencia.
O programa céntrase en recuperar a rutina de camiñar ao centro educativo, promovendo beneficios tanto para a saúde como para o medio ambiente. Segundo sinala Carmela López, alcaldesa de Burela, esta práctica contribúe a mellorar a aptitude física e cardiovascular, previr a obesidade, reducir o sedentarismo e potenciar o benestar emocional e cognitivo. Ademais, facilita a interacción social e axuda a reducir a contaminación nos núcleos urbanos.
“Apostar por movementos coma este é apostar polo futuro, pola saúde, polo medio ambiente e por unha vila máis amable. Pequenos xestos como este teñen un impacto enorme na calidade de vida da nosa comunidade”, explicou Carmela.
A alcaldesa tamén subliñou o compromiso do Concello coa promoción da saúde pública e a mobilidade sostible: “Queremos que esta non sexa unha actividade puntual, senon o inicio dun cambio real nos desprazamentos diarios. Desde o Concello imos seguir apoiando todas aquelas accións que melloren o benestar da cidadanía” concluíu López.
Paralelamente, este xoves terá lugar o Encontro Anual da Estratexia para Escolares, que se celebrará ás 11:30h na Casa da Cultura, e servirá para facer balance do traballo desenvolvido ao longo do último ano. O acto contará coa presenza das xogadoras do BURELA FS feminino, recentes campioas da Copa Galicia, que serán homenaxeadas como exemplo de constancia e esforzo.
A programación continuará en maio, cun encontro aberto ao público xeral, reforzando así o carácter comunitario e integrador da iniciativa.