Do 15 ao 19 de abril, actividades para todos os públicos, incluíndo visitas ao Barco Museo Boniteiro, rutas xeolóxicas e visitas guiadas ao patrimonio histórico
Burela, 8 de abril de 2025. O Concello de Burela presenta a súa programación especial para a Semana Santa, unha oferta variada de actividades culturais e turísticas que se desenvolverán entre o 15 e o 19 de abril. As propostas están abertas tanto á veciñanza como ás persoas visitantes, cun enfoque de posta en valor do patrimonio local.
Unha das principais atraccións será o Barco Museo Boniteiro, que permanecerá aberto do 15 ao 19 de abril. As visitas realizaranse en cinco quendas diarias: ás 11:00 h, 12:00 h, 13:00 h, 17:00 h e 18:00 h. Esta actividade permite coñecer de preto a tradición pesqueira local e o importante papel do norte na historia da vila. As prazas poden reservarse a través da páxina web: reservasbarcoboniteiro.burela.org
No ámbito natural, programáronse as XeoRutas, que permitirán explorar a costa burelá desde unha perspectiva xeolóxica. O 17 de abril, de 10:30 h a 13:30 h, celebrarase a XeoRuta O Perdouro; mentres que o 19 de abril, de 16:30 h a 19:30 h, terá lugar a XeoRuta A Marosa. Para obter máis datos e formalizar a inscrición, pode consultarse o blog: rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com
Ademais, o sábado 19 de abril ás 10:30 h está prevista unha visita guiada á igrexa da Vila do Medio, un dos enclaves máis antigos e simbólicos de Burela. Para participar, é preciso inscribirse previamente na oficina de turismo de Burela.
“Con todas estas actividades, esperamos que a afluencia de xente a Burela en Semana Santa, se o tempo acompaña, sexa moi boa, que siga aumentando os datos de anos anteriores, e que convidamos á xente a vir e desfrutar de Burela durante toda a Semana Santa”, explicou o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey.
As actividades están organizadas polo Concello de Burela e desenvolveranse en diferentes puntos do municipio ao longo da semana.