Unha actividade gratuíta durante os días 15 e 16 de abril para mozos e mozas de 15 a 30 anos na Casa da Xuventude
Burela, 1 de abril de 2025. A Casa da Xuventude de Burela converterase nun espazo de creatividade musical os vindeiros 15 e 16 de abril cun Obradoiro de Produción Musical dirixido a mozos e mozas de 15 a 30 anos. A actividade, organizada pola área de Mocidade do Concello de Burela, desenvolverase de forma gratuíta en horario de 10:00 a 13:00 horas.
O obradoiro estará impartido por Nuno Pico, coñecido artisticamente como Grande Amore, quen traballará coa mocidade para dar forma a un tema musical inspirado nos textos creados durante os Obradoiros de Escrita Creativa con Antía Yáñez.
“Nos Obradoiros de Escrita Creativa con Antía Yáñez saiu un texto no que os rapaces e as rapazas se expresaron acerca da nosa vila e agora Nuno Pico de Grande Amore recolle esa mensaxe e vai traballar nesas letras coa nosa mocidade para producir un tema que poida ser un himno para Burela”, explica Mario Pillado, tenente da alcaldesa.
As persoas interesadas en participar poden obter máis información e inscribirse a través do teléfono 982 581 154, do correo electrónico casaxuventude@burela.org ou de maneira presencial na Casa da Xuventude.
“Agardamos que a actividade sexa do agrado da rapazada e animamólos a participar. Tamén queremos agradecer tanto a Antía Yáñez como a Nuno Pico a súa implicación e compromiso coa idea que lles plantexamos e a súa disposición a colaborar” conclue o tenente da alcaldesa.