O remanente de tesourería supera os 280.000 euros, sendo o máis alto dos últimos vinte anos
Barreiros, 11 de abril de 2025. O goberno municipal de Barreiros deu conta no pasado pleno da aprobación da liquidación do orzamento de ano 2024. Tras atopar uns resultados orzamentarios nos anos 2018 e 2019 con todos os indicadores en negativo, chegando a acumular un remanente negativo de máis de 575.000 euros e unha débeda de máis do 45% do orzamento no ano 2017, a economía barreirense comeza a ver luz.
A alcaldesa, Ana Ermida, manifestou a satisfacción polo “traballo ben feito” e amosouse orgullosa de que este goberno municipal fora quen de mellorar de tal xeito os resultados sen que se viran afectados os servizos. “É mais, sinalou, estanse a poñer en marcha servizos, actividades e espazos que nunca existiran en Barreiros; tendo un concello dinámico e cheo de vida para desfrute da veciñanza”.
Ermida explica que “esta situación só foi posible pola responsabilidade á hora de xestionar os cartos públicos, actuando con criterio, priorizando e tendo claro que a nosa función e facer de Barreiros un lugar mellor para vivir e do que a veciñanza estea orgullosa”.
“Cremos na potencialidade de Barreiros e estamos aquí para sacala a flote e non para aproveitarnos da situación. Este goberno está demostrando, non só a capacidade de gobernar e xestionar, senón o proxecto que ten para facer un Barreiros do futuro no que todo o mundo gañe. E non só uns poucos”, manifestou.
Neste sentido sinalou a importancia de ter realizado esta xestión económica que permite agora mesmo estar traballando en proxectos e investimentos que coa situación económica anterior non eran posibles.
A rexedora sinala que, con estes datos, Barreiros respira e, se as normas económicas que marca o Estado o permiten, o remanente de tesourería podería dedicarse a investimentos, como se podería ter feito anos atrás de ser este indicador positivo. “Agora toca aproveitar todo o esforzo feito para que fructifiquen eses proxectos que era imposible pensar en Barreiros hai uns anos”, asegurou.
Os datos económicos do ano 2024 veñen a pechar unha etapa de varias décadas no que a economía municipal nunca acababa de despegar, mantendo sempre indicadores en negativo.
Así o explicou no pleno o concelleiro de facenda Antonio Veiga, que deu conta dunha liquidación na que o resultado orzamentario é de máis de 56.000 euros, o resultado económico supera os 264.000 euros e contan cun remanente de tesourería de máis de 280.000euros. Ao tempo, a débeda municipal descendeu ao 10,58% do orzamento.