As novas ordenanzas asimilan a efectos cobratorios os pisos turísticos a actividade non doméstica
Barreiros, 1 de abril de 2025. O pleno do Concello de Barreiros, que se celebrará o vindeiro xoves, debaterá a actualización da ordenanza de prestación do servizo de abastecemento de auga; así como das ordenanzas fiscais de auga, saneamento e lixo.
No caso da ordenanza reguladora do servizo de abastecemento de auga, realízase modificacións para tratar de adaptala ás necesidades actuais, tanto no relativo á prestación do servizo como na tramitación administrativa.
Neste sentido, créase a obriga de contar con contador específico para zonas comúns -coma xardíns ou piscinas- nas urbanizacións e adáptase o catálogo de infraccións e sancións.
Ao mesmo tempo, inclúese a referencia á consideracións dos pisos turísticos como un uso non doméstico, que se terá en conta tanto a efectos da auga como do lixo.
A alcaldesa, Ana Ermida, explica que “se estaba traballando cunha ordenanza que viña do ano 2011, hai practicamente 15 anos, cando a situación na prestación do servizo e no consumo que había non tiña comparación coa actual.” A rexedora sinala que as modificacións “pretenden facilitar o día a día e recoller as situacións que existen, baixo o criterio de que as persoas que non contribúen ao mantemento dos servizos cos seus impostos no Concello, teñen que facelo mediante as taxas que garantan a cobertura do mesmo”. “É unha cuestión de equidade e xustiza social”, afirma.
Bonificación para as ganderías
No caso da actualización da ordenanza fiscal, o Concello recolle unha bonificación para as ganderías, “porque son grandes consumidoras de auga como materia prima na súa actividade económica que, ademais, mantén vivo o rural. Así que socialmente temos que compensar ese beneficio que elas aportan ao concello”.
Neste sentido, exímense da cota do último tramo e só se lles aplicará a tarificación que cubra a actualización do IPC acumulado.
Unha tarifa que premia a redución do consumo
O sistema de cobro na nova ordenanza adecúase ás recomendacións que existen a día de hoxe en materia de consumo de auga. Así, créanse ata 5 tramos de tarificación para que pague máis quen máis consume, tratando de potenciar un uso consciente da auga.
Neste sentido, establécese un primeiro tramo, de ata 12m3 nos que se aplicará unha tarifa de 0€. Polo que unha familia que teña pouco consumo só pagará a cota de mantemento de 15€ cada dous meses.
A partir de aí, recóllense ata seis tramos con tarifas que van desde os 0,29euros no tramos inferior ata os 0,57euros a partir dos 60m3.
Adecuación do recibo do lixo aos custos actuais, un cuarto de século despois
Outra das ordenanzas que será actualizada é a da recollida de lixo, que leva sen revisar desde o ano 2001.
Tras case un cuarto de século en vigor, o Concello tamén aprobará a actualización da tarifa de recollida de lixo, tratando de adecuala aos custes actuais, tendo en conta tamén o incremento nos servizos prestados, como o punto limpo, entre outros.
Ermida explica tamén que “os custos do servizo nos últimos anos están disparados, especialmente o de tratamento do mesmo, que subiu no último ano un incremento por parte de Sogama de máis dun 40% e nos tres últimos, máis do 100%.” Acontece o mesmo coa xestión dos residuos no punto limpo, que nos últimos dous anos duplicáronse a raíz do incremento de controis e procedementos que hai que levar a cabo.
A xestión do lixo, asegura a alcaldesa, “está sendo un pozo sen fondo para os Concellos que vén como unha gran parte dos seus recursos hai que destinalos a xestionar un sistema que non é sostible, pero do que non hai alternativa a día de hoxe”, di referíndose a Sogama.
O recibo do lixo en Barreiros pasará a ser de 9 euros ao mes.