O popular afeou aos socialistas que “non consideren prioritario arranxar a N-634 sendo a alternativa á A-8 entre Abadín e Mondoñedo” e que “se contradín” con respecto á votación no Parlamento de Galicia onde a proposta fora aprobada por unanimidade – co voto a favor do PSOE- en xuño do 2021
A iniciativa do Grupo Popular saíu adiante na Comisión de Transportes y Movilidad Sostenible á que non asistiu o BNG e a pesar da abstención do PSOE. Balseiro convidou aos socialistas a “centrarse na seguridade das persoas” afeando que “os socialistas non consideren prioritario arranxar a N-634 sendo a alternativa á A-8 entre Abadín e Mondoñedo”. Así mesmo, advirte que “o PSOE se contradí con respecto á votación no Parlamento de Galicia onde esta proposta foi aprobada por unanimidade en xuño do 2021”.
O senador do PP lucense incidiu en que “é urxente e pertinente que o Goberno de Sánchez promova unha mellora nesta vía que se atopa desde fai anos nun estado moi deficiente, co pavimento deteriorado e cunha sinalización e alumeado que precisan ser mellorados”.
Coa chegada do verán, advirte que “o tránsito por esta vía increméntase porque aos veciños, transportistas e traballadores que fan un uso habitual desta estrada durante todo o ano, súmanse aqueles que se dirixen á costa”, engadiu. Nese sentido, engadiu que “sería recomendable acometer actuacións neste momento para que no verán estivese en boas condicións”. Ademais, puntualizou que “tamén precisa traballos de mantemento”.
Balseiro convidou ao Executivo a recuperar o proxecto de intervención que fora redactada no ano 2017 co Partido Popular no Goberno de España -e que así consta nunha resposta oficial do Goberno de decembro do 2017 a unha pregunta do BNG- e que “Sánchez meteu nun caixón”, ignorando as demandas trasladadas desde distintas institucións, incluso, con votos unánimes de PP, PSOE e BNG.
A intervención prevista e que os populares reivindican de novo consiste na substitución da capa de rodadura, a mellora da sinalización, balizamento, defensas e interseccións, ademais do peche de tramos para evitar a entrada da animais á calzada.
“ABANDONO” XENERALIZADO NAS ESTRADAS DA REDE ESTATAL
O senador popular lembrou durante o debate que “o deterioro do pavimento é xeneralizado e afecta a moitos puntos da rede viaria estatal” na provincia. De feito, “sucédense denuncias de norte a sur”: a N-540 que une Lugo e Ourense, as autovías A-6 e A-8 ou a N-642 tamén na Mariña.
Balseiro incidiu no mal estado das vías da provincia de titularidade do Estado ou, incluso, da Deputación de Lugo en resposta ao senador socialista e asegurou que “as estradas da Xunta de Galicia son as que mellor están na provincia”. E concluíu recomendando a César Mogo: “Máis provincia, máis veciños e menos Sánchez”.