O senador mariñán defenderá este luns “unha reivindicación do PP lucense” na Comisión de Transportes y Movilidad Sostenible
Lugo, 6 de abril de 2025. O senador mariñán do Partido Popular, José Manuel Balseiro, levará este luns á Comisión de Transportes y Movilidad Sostenible do Senado a reivindicación do PP lucense para que o Goberno de España mellore a estrada N-634 no treito entre Mondoñedo e A Xesta (Abadín), que serve de alternativa cando pecha a A-8 pola néboa no alto do Fiouco, e que prolongue o terceiro carril en sentido ascendente.
O pavimento está deteriorado e o alumeado e a sinalización precisan ser mellorados para garantir a seguridade da vía que incrementa o seu volume de tráfico, precisamente, cando as condicións para a circulación non son óptimas na zona.
De feito, como incide Balseiro: “non é un tramo calquera” porque “capta o tráfico da autovía do Cantábrico, unha das de España que máis veces se corta ao tráfico ao longo do ano e cun dos radares que máis multas rexistra nas estradas de Galicia”.
As actuacións que recolle a proposta do Grupo Popular xa foran proxectadas polo Goberno do Partido Popular no ano 2017. Entre as medidas que prevía executar o Goberno de Rajoy estaba a substitución integral da capa de rodadura, a mellora da sinalización, balizamento, defensas e interseccións, ademais do peche perimetral para evitar a entrada de animais á calzada.
“Coa chegada de Pedro Sánchez, o Goberno non só desbotou este proxecto; senón que ignorou os acordos adoptados dende entón en distintas cámaras”. Por exemplo, o Parlamento de Galicia aprobou no 2021 a iniciativa do Grupo Popular unha iniciativa para urxir actuacións de mellora ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.
RESPOSTAS OFICIAIS DO GOBERNO
Os senadores xa presentaran preguntas de forma oficial ás que o Goberno respondeu por escrito deixando claro que “non ten previsto realizar ningunha actuación”; xa que asegura que “o firme e as marcas viarias están en correcto estado”.
Ante a “necesidade de mellorar as condicións de seguridade esta vía”, os populares convidan aos representantes socialistas e nacionalistas a apoiar esta iniciativa.