Alfonso Villares visitou o primeiro dos 10 obradoiros que percorrerán as lonxas de Galicia e Asturias
O responsable autonómico agradeceu que entidades privadas como a citada se involucren coa difusión da calidade do peixe e marisco que sae das rías galegas, sobre todo, porque conteñen un elevado aporte proteico que redunda no benestar e na calidade de vida das persoas, ao tempo que se contribúe a por en valor a actividade marítimo-pesqueira tan importante en Galicia e no noroeste peninsular. Deste xeito, Villares avoga por impulsar esta concienciación dende as idades máis temperás tanto nos núcleos familiares, como nos educativos e mesmo no eido social. E, neste obxectivo, apelou á implicación neste eido, tal e como está a facer o Goberno galego e a compañía alimentaria.
Xunto ao titular de Mar, no evento participaron a directora de Sostibilidade e Comunicación da compañía alimentaria, Gabriela González, e outras responsables do proxecto, así como o patrón maior da Confraría de Pescadores de Burela e presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero.
O proxecto ao detalle
Capitán Mareas levará así aos escolares galegos e asturianos a visitar a súa lonxa máis próxima (Burela, Laxe, Ferrol, Ribeira, Fene, Sada, Baiona, Fisterra e Puerto de Vega). Unha vez na rula, os estudantes coñecerán as testemuñas do patrón maior e das mariscadoras, que relatarán o seu traballo diario no mar, as artes de pesca da zona e os diversos produtos en función da época do ano. Ademais, comprobarán como é o proceso de poxa.
Deste xeito, os beneficiarios da iniciativa tomarán conciencia da importancia dunha alimentación saudable e do peixe e marisco máis destacado de cada tempada para poder elaborar un menú semanal por equipos. Estes coñecementos poranos en práctica da man dos chefs galegos de A Artesa da Moza Crecha, Lolo Mosteiro e Paula Martínez, que se encargarán de ensinar a preparar aos escolares unha receita equilibrada cun peixe de tempada, que vai variando en función da lura.
O proxecto, impulsado por Vegalsa-Eroski, e apoiado por Mar, conta co respaldo do Grupos de Acción Local de Pesca (GALP) A Mariña-Ortegal, Costa da Morte, Ártabro Norte, Ría de Arousa, Golfo Ártabro Sur, Ría de Vigo-A Guarda, Seo de Fisterra-Ría de Muros e Noia, Costa Sostible, e CEDER Navia-Porcía, ademais do das Confrarías de Pescadores de Burela, Laxe, Ferrol, Fene, Ribeira, Sada, Baiona, Fisterra e Puerto de Vega, e da Dirección Xeral de Pesca Marítima do Principado de Asturias.
Compromiso coa dieta saudable
Vegalsa-Eroski, ao igual que o Goberno galego, leva anos sensibilizando aos futuros consumidores nos hábitos de vida saudables. A través dos programas Visita tu súper e Mates en tu súper, a compañía organizou máis de 900 obradoiros nos que achegou os supermercados a máis de 22.000 escolares, ensinando de forma práctica e divertida os beneficios de levar unha alimentación sa.
Esta compañía conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 287 establecementos propios e franquiciados. A súa estrutura comercial compleméntase cunha moderna plataforma de mercadorías loxística de última xeración, ademais das instalacións de produtos frescos de A Coruña e centros de distribución en Vigo e Ourense. Máis de 7.350 persoas conforman esta firma empresarial.