Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobado definitivamente o Plan Xeral de Foz co que os veciños de Cordido poderán construir de novo vivendas na parroquia

Foz, 11 de abril de 2025. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mostrouse exultante este venres ante o anuncio da Dirección Xeral de Urbanismo de referendar o acordo plenario de Foz de outubro do ano 2024 e aprobar de forma definitiva e completa o Plan Xeral de Foz.

Fran Cajoto, lembra que “o 18 de setembro do ano 2018 a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia aprobou parcialmente o Plan Xeral de Foz, deixando en suspenso tres zonas: terreos clasificados como urbanos entre a estrada nacional N642 e o ferrocarril, terreos clasificados como solos urbanizables industriais no entorno do parque empresarial de Foz, situado en Fazouro, e os terreos da parroquia de Cordido clasificados como solo de núcleo rural. Esta aprobación parcial do goberno anterior provocou un grave prexuízo aos veciños de Cordido, que desde esa data non puideron obter licenza para vivendas en ningún terreo da parroquia. Desde o primeiro minuto que entramos a gobernar estivemos traballando para legalizar a captación diante de Augas de Galicia e conseguir a aprobación definitiva e completa do PXOM, para conseguir solucionar unha situación de bloqueo que herdamos coa alcaldía”.

O alcalde recorda tamén que “en novembro do ano 2023 o Concello de Foz obtivo de Augas de Galicia a ampliación de caudal do río Ouro e en febreiro do 2024 a legalización da captación de Cordido. En xuño de 2024 levábase por primeira vez a pleno a aprobación definitiva e completa do PXOM e, despois das correccións técnicas requiridas, de novo en outubro do 2024”.

Ademais Cajoto explica: “este venres recibimos comunicación telefónica e escrita da directora xeral de Urbanismo, María Encarnación Rivas, da aprobación definitiva dos ámbitos deixados en suspenso. En nome propio e de toda a corporación dinlle as grazas, polo trato recibido e polo interese que puxo en resolver o expediente de Foz. En próximas datas vaise publicar no Diario Oficial de Galicia a orde emitida pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Desde este momento todo aquel que queira construír unha vivenda en Cordido xa o vai a poder facer e poderemos aproveitar as oportunidades de emprego que se nos presenten desenvolvendo tamén o solo urbanizable do parque empresarial. Esta é unha moi boa nova para o noso concello”.

Exit mobile version