Alfoz, 7 de abril de 2025. O Concello de Alfoz vén de obter unha subvención da Axencia de Turismo de Galicia destinada á mellora da sinalización turística do municipio. A axuda concédese ao abeiro da Resolución da Dirección de Turismo de Galicia do 7 de febreiro de 2025, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 35 do 20 de febreiro), dentro do programa de subvencións dirixido a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas.
O proxecto presentado polo Concello, baixo o título “Melloras da sinalización turística do concello”, conta cun orzamento subvencionable de 30.007,01 euros. A Axencia de Turismo de Galicia concedeu unha subvención de 30.000 euros, o que supón o 100% do financiamento solicitado.
Esta actuación permitirá renovar e reforzar a sinalización de recursos turísticos en distintos puntos do municipio, co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas visitantes e poñer en valor o patrimonio natural, histórico e cultural de Alfoz.
A alcaldesa, Efigenia Maseda Paz, destacou que “esta subvención supón un paso importante para continuar traballando na promoción turística do noso concello, facendo máis accesible e visible a nosa riqueza patrimonial e paisaxística”.