O conselleiro de Educación visita o centro e destaca a importancia da actuación para mellorar a vida diaria da comunidade educativa e a eficiencia enerxética
Mondoñedo, 10 de abril de 2025. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio CEIP Plurilingüe Álvaro Cunqueiro Mora, en Mondoñedo, onde anunciou a adxudicación da obra de cambio de cuberta do centro.
O obxectivo da intervención, que conta cun orzamento de 453.629€, é substituír a cubrición do edificio principal por unha nova cunha estrutura portante lixeira de madeira e revestimento de lámina impermeabilizante transpirable e revestimento de lousa. A cuberta nova terá un volume a catro augas parecido ao actual e unha superficie total de 1.454m².
Tamén se substituirán os elementos do sistema de recollida de pluviais, colocando canlóns e baixantes de aceiro prelacado en cor escura. O prazo de execución é de tres meses, unha se vez se adxudique e se formalice o contrato, e está previsto ter rematada a obra para o inicio do próximo curso.
Román Rodríguez destacou a importancia desta actuación “para mellorar o confort térmico do centro, o que redunda nunha mellora da vida diaria da comunidade educativa, así como nunha maior eficiencia enerxética”.
Tal e como explicou o conselleiro, esta intervención enmárcase no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para impulsar a modernización dos centros educativos galegos, con obras que inclúen tanto a construción e a ampliación de centros, como rehabilitacións integrais, cambios de cuberta, actuacións de enerxías renovables e numerosas obras de mediana e pequena envergadura como instalación de ascensores ou renovación de aseos, entre outros.