O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se facilitan achegas para obras de illamento e calefacción ou a renovación de electrodomésticos, entre outras
Lugo, 7 de abril de 2025. A Xunta destinou máis de 2,3 millóns de euros a sufragar actuacións de eficiencia enerxética en 19 empresas turísticas lucenses nos últimos meses. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o hotel Méndez Núñez, na capital, para coñecer as melloras executadas ao abeiro das axudas concedidas para este fin pola Axencia de Turismo de Galicia.
Arias explicou que a Xunta investiu no conxunto da comunidade algo máis de 10 millóns de euros, financiados con fondos europeos, nesta liña de axudas á cal se presentaron 358 empresas. Dese total, 292 xa están concedidas ou en fase de revisión de documentación e contestación de requirimentos.
No caso da provincia de Lugo resultaron beneficiados ata o momento 16 aloxamentos de distintas modalidades, principalmente hoteis, e 3 restaurantes. Os municipios con maior representación son Palas de Rei e Vilalba, con tres establecementos en cada caso, seguidos de Lugo e Burela con dous.
As tipoloxías máis subvencionadas nesta convocatoria foron as melloras de eficiencia enerxética da envolvente térmica (cambios de ventás, cubertas, illamentos de fachadas…) e as melloras de eficiencia enerxética por instalación de bombas de calor por aeroterapia.
Turismo de Galicia convocou esta liña de axudas o pasado ano co fin de facilitar que as empresas do sector puidesen acometer actuacións de eficiencia enerxética ou a renovación de electrodomésticos máis eficientes.
Novidades
Con respecto a convocatorias anteriores, a da pasada edición introduciu como novidade a posibilidade de que tamén puidesen optar as empresas de restauración, non só as de aloxamento.
Ademais sufragouse a rehabilitación enerxética de todo o edificio ou dunha parte (na anterior eran edificios completos), e non se pedía antigüidade mínima dos edificios para rehabilitar, sen demandar tampouco unha exixencia mínima de aforro enerxético, entre outras condicións.
Como norma xeral, a intensidade da axuda foi de ata un 70 % do custo total subvencionable do proxecto, aínda que puido chegar ao 80 % ou 90 % no caso de que se acreditaran aforros de enerxía primaria non renovable dun 20 ou 30 %. Con esta convocatoria, a Xunta de Galicia pretendeu a modernización e mellora da competitividade do sector turístico galego.