A Mariña, 16 de abril de 2025. A FCAM (A Mariña Federación) convoca ao empresariado da comarca a unha asemblea xeral, que terá lugar o 28 de abril ás 19:30 horas no Cenima, en Foz.
A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, explica que “o obxectivo é dar a coñecer o traballo que desenvolve esta entidade, e que sexa un punto de encontro para sumar a todas as asociacións de comerciantes e hostaleiros da Mariña e tamén aos colectivos de ámbito turístico ao noso proxecto”.
Cruzado Iglesias sinala: “tamén queremos contar con aquelas empresas e/ou establecementos dos municipios nos que non existan colectivos ou asociacións como ás que me refería para que saiban que na FCAM todas temos cabida en grupo ou de xeito individual e particular”.
A presidenta de A Mariña Federación lembra que “a posibilidade de convocar esta asemblea xurdiu hai xa uns meses, cando a Mancomunidade de Concellos da Mariña nos convidou a participar na súa Mesa de Calidade, e alí escoitamos a empresas e asociacións que poderían estar interesadas en formar parte da FCAM, desde onde lles podemos prestar asesoramento e desde onde traballamos para organizar actividades que redunden na dinamización do comercio, da hostalería, dos servizos, do sector turístico, das pequenas empresas, nas épocas nas que máis o podemos necesitar, como pode ser do outono á primavera”.
Carmen Cruzado, en nome da directiva da FCAM, convida a asistir á asemblea xeral que terá lugar o día 28 de abril, luns, no Cenima, en Foz: “animamos a acudir ás asociacións e colectivos que aínda non forman parte da FCAM e a eses comercios, hoteis, restaurantes, empresas de municipios onde o asociacionismo non está presente. Cantos máis sexamos máis accións poderemos levar adiante”.