Daniel García participou esta tarde na presentación do encontro, que volverá convertir Penadanogueira en centro de divulgación científica os días 25, 26 e 27 de abril
Lugo, 11 de abril de 2025. O deputado de Rural Daniel García e as persoas responsables da Asociación Corripa, Vanesa Paredes e Alberto Uría, presentaron este venres no Pazo de San Marcos a cuarta edición das xornadas internacionais “Ciencia na aldea” que terán lugar os próximos 25, 26 e 27 de abril en Pena da Nogueira (Negueira de Muñiz)
No acto, detallouse o programa do encontro no que terán unha presenza destacada gandeiras e gandeiros da provincia que exporán o papel da agrogandería extensiva como ferramenta chave para a conservación da biodiversidade. A súa experiencia complementarase con ponencias de investigadores, divulgadores naturalistas de todo o Estado, que achegarán o seu coñecemento científico sobre o mundo dos insectos ou os anfibios. O encontro volverá ter un ano máis vocación internacional, traendo a Penadanogueira, a experiencia do Festival das herbas espontáneas de Ussaramanna en Sardeña, Italia.
O deputado Daniel Garcia que remarcou “a aposta decidida da área de Rural por esta xornada de desenvolvemento rural cunha traxectoria consolidada nos últimos catro anos” e valorou “o esforzo, dedicación e traballo da Asociación Corripa e do persoal da área de Rural ao longo de todo o ano para acadar a excelencia na convocatoria, organización e asistencia de público que descobre cada ano novas temáticas actualizadas dende o ámbito científico e de innovación, vencellada ao territorio dende o rural da montaña lucense”.
O responsable provincial destacou a contribución das xornadas a despegarse de estigmas ou límites autoimpostos e a presentar o rural como un espazo dinámico, vivo, no que xurden ideas e no que é posible desenvolvelas. Fan falla, ademais de boas intencións, recursos e servizos para que as persoas que viven aquí o sigan facendo. Que nos acollan estes días, pero, sobre todo, que poidan continuar co seu traballo e as súas vidas o resto do ano, producindo alimentos e coidando o territorio. A área de Rural é unha panca pequena para suxeitar todo isto, pero temos o compromiso institucional e político de contribuír a que isto sexa posible”, concluíu.
Ademais de detallar o programa, o acto acolleu unha mesa redonda na que participaron Isabelle Gómez, Presidenta Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, gandeira e xerente de Traloagro, Miguel Cordero da gandeiría de ovino e caprino Granxa Teixeiro É Pistón de Becerreá, Chusa Expósito, socia traballadora de Milhulloa e Marcos Vázquez, fundador de Muvicla e gandeiro ecolóxico en casa de Vázquez, que avanzaron algúns dos puntos de reflexión arredor da gandería extensiva como ferramenta de conservación da biodiversidade.
A participación en Ciencia na aldea require inscrición previa pola capacidade do espazo no que se desenvolven, o Ecomuseo El País del Abeyeiro. Os formularios de inscricíon estarán dispoñibles na web da Asociación Corripa e nas súas redes sociais.