Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG reclama unha intervención contundente da Xunta fronte ao peche patronal de Sargadelos

Cervo, a 8 de abril de 2025. A CIG demanda unha actuación contundente e exemplarizante ante o peche patronal executado polo propietario de Sargadelos dende hai case unha semana. A CIG lembra que a empresa está cometendo unha ilegalidade manifesta e exíxelle a Xunta que poña en marcha os mecanismos legais oportunos para que as empregadas e os empregados, que acoden ás portas da fábrica de Cervo a diario, poidan acceder con normalidade aos seus postos de traballo.

O secretario da Unión Local da CIG da Mariña, Xorxe Caldeiro, cualifica de esperpento o que está acontecendo na factoría e considera unha “claudicación total” da Consellaría de Emprego o anuncio dun suposto acordo para retomar a actividade. Entende que, ademais, se está pondo en cuestión a actuación da Inspección de Traballo, a quen as centrais sindicais solicitaron unha reunión urxente para coñecer o expediente aberto a Sargadelos e que accións ten previsto adoptar.

Caldeiro reitera que non se pode consentir este proceder patronal, que converte en papel mollado toda a lexislación laboral e dinamita dereitos básicos, como o dereito a traballar e o dereito á saúde. “A Inspección de Traballo xa dixo que se trata dun peche patronal. A Consellaría de Emprego pode iniciar negociar co empresario, tendo en conta as singularidades do edificio e o que representa Sargadelos para o país, pero non pode amparar que se cometan ilegalidades”, asevera.

O proceder arbitrario de Segismundo García, e o absoluto desprezo polos dereitos laborais do seu persoal, evidenciouse novamente esta mañá, ao permitir acceder ás instalacións ao grupo de traballadoras/es que aceptaran coller as vacacións adiantadas, que se suman así ao grupo de persoas que asinaran un escrito para entrar á fábrica “baixo o seu propio risco”. É dicir, hai arredor de 25 persoas que están dentro da factoría, non se sabe facendo que actividade, mentres que o resto do persoal négaselle o acceso ao seu posto de traballo.

Para a CIG esta situación non pode durar nin un día máis e canto máis demore a autoridade laboral en intervir de maneira efectiva para garantir que se retoma a actividade, máis razóns se lle están facilitando ao empresario para afondar nas súas ilegalidades, nas súas políticas antiobreiras e na chantaxe ás administracións, utilizando como reféns as súas traballadoras e traballadores.

Exit mobile version