A concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, explica que “a temática deste taller era a introdución á poda en fruticultura de árbores coma maceiras, arandos, kiwis, pereiras, pesegueiros, marmelos, laranxos, cerdeiras, figueiras, nísperos e mirabeles, froiteiras con moita presenza nas hortas de todo o concello de Foz, tanto é así que todas estas podas foron realizadas en varias hortas das distintas parroquias que os propios alumn@s participantes cederon para realizar estas prácticas”.
“Como resultado da asistencia e remate do curso, dada a participación dos alumnos e alumnas, fíxoselles entrega dun diploma acreditativo”, indica Ana Rojo, que participou no acto xunto ao alcalde de Foz, Fran Cajoto.
A concelleira de Servizos Sociais engade que “dada a boa participación e a aceptación dos 28 alumn@s participantes, hai o compromiso do Concello de Foz de seguir organizando actividades dedicadas ó coidado das hortas no medio rural. A próxima tempada poñeremos en marcha outro obradoiro, encamiñado a unha agricultura con procesos naturais evitando o uso de produtos químicos, buscando unha agricultura máis natural, máis sa, que respecta o medio ambiente e libre de substancias químicas”.
Por outra parte Ana Rojo explica: “seguimos co resto de actividades en case todas as parroquias e no propio casco urbano de cursos que se están a impartir dende comezos de novembro de pilates, bolillos, memoria, cociña con aproveitamento dos recursos da natureza da zona e gastronomía local, etcétera. Son iniciativas do noso Concello que xorden para impulsar e promover a participación cidadá e que se reforcen os arraigamentos con actividades que revertan sobre a poboación e vaian encamiñadas ó reforzo individual e á mellora da sociabilidade cara a un mellor benestar dos nosos veciños e veciñas, sobre todo dos nosos maiores”.
“Agradecemos dende o Concello, un ano máis, a cesión das instalacións do Club Náutico para impartir o curso de cociña e aproveitamento dos recursos da zona, que se está a dar nestes meses. Así mesmo agradecemos ó grupo Gadisa a doazón de vales gratuítos para mercar alimentos que se elaboran en cada menú deste obradoiro”, comenta a concelleira de Servizos Sociais, que ademais anuncia: “seguiremos promovendo, impulsando e promocionando estas actividades encamiñadas á participación dos nosos veciños e veciñas e que revertan sobre todo na poboación dos máis maiores”.