Viveiro, 21 de marzo de 2025. O Concello de Viveiro adhírese á campaña ‘La Hora del Planeta!’ lanzada pola organización ecoloxista WWF. Esta iniciativa global busca que gobernos, empresas e particulares ratifiquen o seu compromiso coa loita contra o cambio climático.
Mañá, sábado 22 de marzo, entre ás 20:30 e 21:30 horas, o Concello de Viveiro apagará a luz da Casa do Concello para sumarse a esta proposta que busca visibilizar o impacto no medio ambiente do cambio climático.
Dende a entidade organizadora deste evento internacional explican que 2024 foi un dos anos máis cálidos dende a revolución industrial, e que o impacto do cambio climático está xa provocando emerxencias sociais como a DANA en Valencia ou os incendios nos Ánxeles (USA).
A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, explica que a través da adhesión a esta iniciativa, o seu Executivo reafirma o seu “compromiso coa loita contra o cambio climático e co aforro enerxético ao longo de todo o ano”. “Dende Viveiro esforzámonos día a día para que no noso municipio se faga un uso consciente dos recursos”, engadiu.