A localidade lucense acolle ata finais de abril os cursos de Patrón Costeiro Polivalente de Ponte e outro de Máquinas, de 350 horas e 250 horas respectivamente, que capacitan para a xestión e administración do buque e exercer a xefatura de máquinas
Burela, 22 de marzo de 2025. A Xunta continúa impulsando accións formativas no ámbito pesqueiro co obxectivo de ofrecer a mellor capacitación profesional ás persoas interesadas en desenvolver a súa vida laboral neste sector á vez que se afonda na súa competitividade. Unha actividade económica estratéxica que representa o 5% do PIB e do que dependen 50.000 postos de traballo, e que fai a Galicia a principal rexión pesqueira de Europa.
Así o expuxo o conselleiro do Mar, Alfonso Villares na súa visita aos dous cursos de Patrón Costeiro Polivalente, un na sección de Ponte e outro na sección de Máquinas que está a desenvolver a Confraría de Pescadores de Burela desde o pasado mes de febreiro e que están financiados ao abeiro da orde de axudas autonómica de formación que contan cunha dotación bianual de 1,5 millóns de euros.
O responsable autonómico puxo en valor a estreita colaboración da Xunta coas entidades do sector pesqueiro no desenvolvemento destas iniciativas que permiten dar resposta ás demandas de man de obra cualificada por parte das empresas para que compoñan as tripulacións das súas flotas. Nesta liña destacou que este ano, e grazas aos apoios da Consellería do Mar, vanse a desenvolver un total de 97 cursos da man de 17 entidades do sector, entre elas a Confraría de Burela, a Organización de Produtores Pesqueiros Porto de Celeiro (OPP-77) ou a Organización de Produtores Pesqueiros (OPP-7) de Lugo.
Alfonso Villares subliñou que o departamento que dirixe entende como fundamental a aposta pola formación polo que este ano dedica 11,3 millóns de euros, un 7% máis, a financiar os 4 centros de formación dependentes da Consellería: tres centros públicos de ensinanzas náuticas e marítimo-pesqueiras en Vigo, Ribeira, Ferrol e un centro de formación en acuicultura e mergullo, o Igafa, na Illa de Arousa. Neles están recibindo neste curso formación regrada nos seus diferentes ciclos medios e superiores un total de 508 persoas. Ademais, está previsto que ao longo do 2025 acollan 126 accións formativas non regradas que se sumarán ás 37 desenvolvidas o ano pasado das que se beneficiaron 1.204 persoas.
Patrón costeiro polivalente
A titulación de patrón costeiro polivalente conta con sección de Ponte e outra de Máquinas que capacita para xestionar e executar a administración do buque, a súa navegación, organizar e executar as actividades de extracción, elaboración e conservación da pesca baixo parámetros de calidade prefixados e exercer a xefatura de máquinas. O de Ponte consta de 350 horas distribuídas en 9 módulos e o de máquinas ten unha duración de 250 horas en 4 módulos con 14 e 13 matriculados respectivamente. As accións formativas prolongaranse ata finais de abril.