O conselleiro felicita a Basilio Otero, reelixido por 3º mandato consecutivo presidente da FNCP, e pon en valor a súa xestión que permitiu devolver ás Confrarías españolas a visibilidade e a forza da que carecían ata 2017
Ribadeo, 30 de marzo de 2025. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este domingo nas Xornadas Gastronómicas do Peixe Espada, organizadas pola Asociación de Comerciantes, IndustriaIs, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo, en colaboración coa Organización de Produtores Pesqueiros Porto de Burela, e nas que participaron os 15 locais hostaleiros asociados, ofrecendo tapas e pratos preparados con este peixe capturado polos barcos do porto burelense.
En total, nesta quinta edición, que deu comezo o pasado venres, repartíronse 75 quilos deste produto. O obxectivo, concienciar á poboación da importancia de consumir peixe tanto para a saúde como para o impulso económico do sector.
No que vai de ano, vendéronse en Galicia máis de 4 millóns de quilos de peixe espada -tanxo conxelado como fresco-, alcanzando un valor no mercado de máis de 20,5 millóns de euros. Nas lonxas, en 2024, comercializáronse preto de 1,2 millóns de quilos, por valor de máis de 7,7 millóns de euros, destacando por esta orde, Vigo, Ribeira, A Coruña, Camariñas, Burela, Celeiro, Cedeira, Muros, Corcubión, Marín, Fisterra, Laxe e Cambados. Na comunidade, máis de 150 buques adícanse á pesca desta especie.
Felicitacións a Basilio Otero
No transcurso do encontro, o máximo responsable de Mar, aproveitou a ocasión para felicitar ao patrón do pósito burelés que, a partires deste domingo, asume por terceiro mandato consecutivo a presidencia da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores (FNCP).
Alfonso Villares puxo en valor a xestión de Otero, pois non só foi capaz de reverter a crítica situación económica que atravesaba este órgano, senón que, dende que chegou á súa presidencia en 2017, as Confrarías españolas non só gañaron en visibilidade, senón que recobraron a forza perdida; unha etapa que o propio responsable de Mar cualificou de rotundo éxito e que agarda que así siga sendo no vindeiros catro anos.