Tamén subliñou o investimento de 24 millóns de euros en investigación para analizar os factores que inflúen na produción así como o deseño de medidas que permitan mitigar o seu impacto
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2025. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo un encontro con representantes das Federacións de Confrarías de Pescadores no que serviu para facer o seguimento das actuacións realizadas ata agora pola Xunta ao abeiro do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia, dotado con 123 millóns de euros. Acompañado pola secretaria xeral Técnica da Consellería, Marta Barreiro, pola directora xeral de Pesca Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, subliñou o compromiso do Goberno galego co sector que se materializa na mobilización de recursos e de medidas de apoio.
O responsable autonómico recordou as dúas ordes de axudas convocadas pola Consellería do Mar para a mellora da xestión e conservación dos bancos marisqueiros, que ascenden a 2,2 millóns de euros, destinadas a promover a elaboración e desenvolvemento de proxectos que teñan por obxecto recuperar hábitats mariños e costeiros en favor de poboacións de especies de interese marisqueiro. Uns apoios, resaltou, que contribúen a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños así como ao desenvolvemento sustentable dos bancos marisqueiros evitando o abandono de zonas produtivas en que se estea a dar unha perda de produtividade.
Nesta liña, destacou a orde de axudas a novos proxectos colectivos de modernización, mellora dos equipamentos e das infraestruturas portuarias dotadas con 9 millóns de euros. Unhas axudas que se suman ás destinadas a proxectos colectivos para reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica social e ambientalmente sostible. Ademais, sinalou que as ordes foron incrementadas para atender as necesidades do sector. No caso dos apoios á rexeneración incrementáronse o coste máximo por proxecto a 75.000 € e incluíuse a posibilidade de que o 20% do coste do proxecto se puidese destinar a compensar ás persoas mariscadoras que participasen no mesmo.
Investigación
O Goberno galego tamén realiza unha aposta forte pola investigación co obxectivo de contar coa mellor información dispoñible no deseño de medidas eficaces ante os desafíos aos que se enfronta o sector. Así, neste ámbito, destina 24 millóns de euros a través do Intecmar, o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), do Programa de Ciencias Mariñas ou de Redemar, plataforma de traballo entre os centros de investigación autonómicos e o sector.
Un labor que é reforzado coa orde de axudas para asistencias técnicas ás confrarías o Plan de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, ou o Observatorio Costeiro de Galicia. A isto, súmase a colaboración coas universidades galegas e que está axudando a avanzar na optimización e mellora do proceso de obtención de semente, na obtención de estirpes resistentes aos cambios ambientais e a enfermidades que condicionan a súa viabilidade ou no estudo do estados dos bancos marisqueiros e os factores que inflúen na súa produtividade.