Site icon Crónica3.com A Mariña

Vía Alfoz celebrou a súa tradicional ofrenda floral polo Día Internacional da Muller

Alfoz, 8 de marzo, 2025. Este sábado 8 de marzo, Día Internacional da Muller, VÍA Alfoz celebrou a súa xa tradicional ofrenda floral no entorno do Castelo do Castrodouro. O acto contou coa presenza da alcaldesa, Efigenia Maseda, e dos concelleiros independentes Eliseo Lorenzo e Judit Casabella, ademais de veciños e veciñas que quixeron sumarse a esta xornada de lembranza e reivindicación.

A vicepresidenta de VÍA Alfoz, Fernanda Casabella, foi a encargada de dar lectura ao manifesto, no que se puxo en valor o camiño percorrido polas mulleres ao longo da historia na loita polos seus dereitos e tamén os desafíos que aínda quedan por superar. Destacouse a necesidade de continuar avanzando cara a unha igualdade real e efectiva, lembrando que os dereitos das mulleres son dereitos de toda a sociedade.

Durante o acto, depositáronse doce caraveis brancos, un por cada mes do ano, como símbolo da importancia de manter viva esta loita os 365 días. O branco das flores representa tamén a paz, un recordatorio de que a igualdade non debería ser unha batalla, senón unha realidade compartida por todas e todos.

Desde VÍA Alfoz queren agradecer a participación de todas as persoas que asistiron ou apoiaron este acto, reafirmando o compromiso coa igualdade e co recoñecemento do papel fundamental das mulleres en todos os ámbitos da vida.

Exit mobile version