Ribadeo, 25 de marzo de 2025. Acisa entregou os premios da campaña do dia do pai. As persoas afortunadas son veciñas de Ribadeo e da localidade asturiana de Navia.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “Paula Acevedo Fernández, Rocío Méndez Iglesias e Iván Fernandez Rodriguez, foron os gañadores dos premios da campaña do dia do pai de Acisa Ribadeo, aos que lles fixemos entrega dos seus agasallos. Desde a asociación queremos felicitalos e darlles as grazas por mercar no comercio local”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, indicou que “Paula Acevedo resultou agraciada cunha experiencia de desconexión dunha noite con almorzo e cea romántica para dúas persoas a escoller entre 1560 destinos; Rocío Méndez foi a gañadora dunha cea para dúas persoas no restaurante La Solana valorada en 120 euros; e Ivan Fernández gozará dunha visita guiada a Bodegas Docampo, en Ribadavia, con estancia dunha noite para dúas persoas no seu Hotel Pazo Carballo. As persoas afortunadas fixeron compras e depositaron as súas papeletas en Xoguetería Bahía e na Farmacia Montserrat Iglesias”. Os agraciados poden desfrutar dos premios segundo as condicións marcadas polas firmas que os doaron.
Cruzado Iglesias subliñou: “temos que agradecer o apoio ao comercio local tanto das nosas veciñas e veciños, como dos de toda a contorna, tanto de Asturias como de Galicia. E animámolos a seguir apostando polos nosos negocios durante todo o ano, porque ademais de mercar poden levar algún importante premio. Do mesmo xeito temos que darlles ás grazas ás empresas que doaron os premios para a pasada campaña do día do pai, que foron o restaurante La Solana, de Ribadeo, e Bodegas Docampo, de Ribadavia”.
Os premios foron entregados nas oficinas de Acisa, tras a celebración do sorteo entre as preto das 9.000 rifas recollidas que foron cubertas pola clientela do comercio asociado que fixo as súas compras dende o 6 e o 19 de marzo.
Na entrega de premios participaron a presidenta e o xerente do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.
Esta actividade de Acisa Ribadeo estivo cofinanciada pola Xunta de Galicia.