Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha hamburguesa de Galipizza solidaria coa Dina

A Mariña, 27 de marzo de 2025. Galipizza lanza unha nova hamburguesa cun obxectivo especial: axudar á Iguana Café, un pequeno local de Valencia que loita por saír adiante tras anos de adversidades. O 15% do recadado con cada Tony’s Burguer Força Valença destinarase directamente á Iguana Café, que recentemente sufriu o devastador impacto da Dana.

Unha historia de loita e resistencia

Vero é a dona da Iguana Café que con tan só 21 anos abriu a súa primeira cafetería e, con 22, xa tiña dous locais en marcha. Pero o camiño non foi doado: crises económicas, a pandemia e, cando todo parecía estabilizarse, a Dana arrasou con todo, levando consigo anos de esforzo e sacrificio.

A auga subiu ata 1,70 metros dentro do establecemento, deixando neveiras flotando e destruíndo por completo a cafetería. A súa compañeira Cris, con quen leva 15 anos traballando de xeito conxunto, quedou atrapada no interior. Sen comunicación e coa auga cubríndoo todo, Vero pasou horas de angustia sen saber se a súa amiga estaba a salvo. Foi grazas aos veciños que lograron rescatala, rompendo unha parede para sacala do local asolagado.

Tony’s Burger Força Valença

Cando en Galipizza coñeceron a historia da Iguana Café, “soubemos que tiñamos que facer algo. Así naceu a Tony’s Burguer Força Valença, unha hamburguesa con identidade que, ademais de estar deliciosa, leva un ingrediente especial: a solidariedade”.

Esta hamburguesa única conta cunha salsa de alioli de alcachofa, creada en exclusiva para Galipizza pola Factoría do Lume, achegando un toque diferencial a este prato tan especial.

Cada vez que se pida a Tony’s Burguer Força Valença, contribuirase directamente á recuperación da Iguana Café. “Porque a hostalería é moito máis que comida: é esforzo, paixón e traballo, moito traballo”.

Exit mobile version