Cantos de taberna e un obradoiro de construción de instrumentos completan este encontro musical, organizado por A Rebolaxe coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Cervo
San Cibrao, 26 de marzo de 2025. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora un ano máis coa asociación A Rebolaxe na organización da Foliada Nordestía, que se celebrará o 12 de abril en San Cibrao, no concello de Cervo.
O deputado de Mocidade Daniel García participou esta tarde na presentación do programa deste encontro de música tradicional, que contará cos concertos de Tumba e Dálle, Xisco Feijóo e A Requinta da Laxeira na Praza dos Campos.
Daniel García valorou “o traballo de A Rebolaxe na conservación e na difusión da música tradicional coa organización desta foliada, pero tamén ao longo de todo o ano como agrupación musical e como promotora de aulas de música tradicional. Se podemos disfrutar desta xornada de Foliada,e polo traballo continúo e de base que mantén vivo o interese por ese patrimonio”.
A xornada comezará cos Cantos de Taberna, no que participan mais dunha ducia de agrupacións da comarca da Mariña, da provincia de Lugo e tamén de concellos coruñeses e que animarán os locais e rúas de San Cibrao desde ás 12 da mañá ata o xantar popular. Tamén haberá un obradoiro de construción de instrumentos musicais con Xaneco Tubío, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas.