O proxecto presentado contempla actuacións clave para a mellora da eficiencia enerxética do inmoble, como a renovación de ventás e portas, así como a instalación dun sistema de illamento térmico na fachada. O orzamento previsto para estas actuacións ascende a preto de 60.000 euros.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia desta axuda para seguir avanzando na optimización dos edificios municipais: “Agardamos conseguir esta subvención para continuar coa mellora das nosas instalacións. Esta actuación súmase ás xa realizadas no mesmo edificio, como foron a construción do albergue municipal na planta baixa ou a reforma integral da vivenda existente na planta superior o pasado ano”.
A vivenda situada na antiga escola de Sante está actualmente ocupada por unha familia do municipio que sufriu unha desgraza tras o incendio da súa vivenda. “Por iso, seguimos traballando no proxecto de reforma e habilitación das nosas instalacións para destinalas a alugueiro social ou para atender calquera tipo de situación de emerxencia que poida xurdir no noso concello”, subliñou o rexedor.
Con esta nova solicitude de subvención, o Concello de Trabada reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas municipais, garantindo así un mellor servizo e condicións de vida para os veciños e veciñas.