O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia desta iniciativa, subliñando que “acabamos unha subvención máis para a reforma das antigas escolas que, unha vez reformadas, serán postas en alugueiro. Creemos que este é o camiño a seguir para poder ofertar vivenda de titularidade municipal a prezos moi accesibles dentro do noso concello”.
Este proxecto enmárcase dentro dunha estratexia municipal máis ampla para mellorar a oferta de vivenda en Trabada. O próximo obxectivo do Concello será a rehabilitación da escola da Vilapena, a última das antigas escolas pendente de reforma. Ademais, o goberno municipal traballa nun proxecto para crear unha bolsa de vivendas, permitindo que os veciños e veciñas de Trabada poidan incluír as súas propiedades nesta iniciativa para a súa valoración e posterior adquisición polo Concello. Este proceso facilitará a súa rehabilitación e alugueiro a prezos accesibles, dando resposta á crecente dificultade de acceso á vivenda no actual contexto inmobiliario.
O Concello de Trabada reafirma así o seu compromiso coa posta en valor do patrimonio municipal e coa dinamización da vivenda accesible para os seus habitantes.