Site icon Crónica3.com A Mariña

Trabada entrega as primeiras vivendas en alugueiro social

Trabada, 7 de marzo de 2025. O Concello de Trabada vén de dar un paso significativo na súa aposta polo acceso á vivenda coa sinatura do contrato e a entrega das primeiras vivendas rehabilitadas en réxime de alugueiro social. As adxudicatarias xa poden acceder aos inmobles e habitalas, nun proxecto que leva anos en marcha e que busca ofrecer alternativas residenciais para a poboación.

Este plan de rehabilitación ten como obxectivo recuperar antigas vivendas municipais para poñelas a disposición da veciñanza a prezos accesibles. Segundo explicou o alcalde, Rubén García, “levamos anos traballando para recuperar e rehabilitar as antigas vivendas municipais, e seguiremos avanzando para ampliar a oferta de alugueiro social en Trabada”.

O Concello continuará con esta liña de actuación, reformando as vivendas das antigas escolas e outros inmobles municipais, co propósito de facilitar o acceso á vivenda e fixar poboación no municipio. Así mesmo, unha vez rematadas as reformas pendentes e acadada a financiación necesaria, o goberno local ten previsto ampliar este proxecto coa adquisición de novas vivendas para a súa rehabilitación e posterior oferta en alugueiro social.

Exit mobile version