Fíxoo este xoves xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social nunha visita á mesa de cuestación instalada na Praza de San Marcos con motivo do Día Mundial do Ril, unha xornada que se celebra anualmente o segundo xoves de marzo
Lugo, 13 de marzo de 2025. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, achegouse este xoves ata a mesa de cuestación instalada pola Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril (ALCER Lugo) diante do Pazo de San Marcos polo Día Mundial do Ril.
Esta xornada, que se celebra anualmente o segundo xoves de marzo, pretende concienciar á poboación na prevención e na detección precoz da enfermidade renal crónica. Con este motivo, a entidade lucense tamén instalou unha mesa informativa diante do Concello de Lugo e outra no Hospital Universitario Lucus Augusti nas que trasladou a importancia do coidado da saúde renal e informou de hábitos de vida saudables para mellorar a calidade de vida das persoas que padecen este tipo de doenzas.
Tomé Roca puxo en valor o traballo que desenvolve ALCER Lugo desde hai máis de 40 anos “no apoio integral dos seus usuarios e as súas familias brindándolles asesoramento personalizado e apoio social, físico, psicolóxico e nutricional co que mellorar a súa calidade de vida e de benestar”.
Nesta liña, o mandatario provincial recordou que a Deputación de Lugo mantén un “firme compromiso” con esta entidade, achegando 6.000€ anualmente, porque “somos plenamente conscientes de que as administracións públicas deben estar ao carón deste tipo de colectivos”. José Tomé tamén recordou a importancia de “apoiar as accións e as actividades que levan a cabo e que sensibilizan directamente aos veciños e veciñas”.