Ribadeo, 29 de marzo de 2025. Ribadeo solicita unha subvención á Xunta para realizar arranxos na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, segundo anuncia a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. A falla de mantemento ao longo dos últimos anos ocasionou humidades e desconchados na pintura da fachada, entre outros problemas.
A edil ribadense dixo que “a Biblioteca Municipal El Viejo Pancho é un espazo dinámico, con moitas actividades, con moitos usuarios, pero que presenta grandes deficiencias. Imos pedir una subvención á Xunta para facer uns primeiros arranxos. Xa comezamos mellorando a accesibilidade, poñendo unha rampla na entrada e agora imos mellorar as fachadas internas desta entrada, que teñen problemas de humidades e grandes desconchados”.
Sanjurjo contou que “na Biblioteca había unha sala de informática que non ten uso na actualidade e que se converterá agora nunha sala de estudo pensando nas persoas que preparan exames, oposicións…Para facer este cambio temos que poñer novo mobiliario e sobre todo un sistema de calefacción xa que neste piso da Biblioteca non hai. Algunhas salas precisan tamén de deshumidificadores para conservar os fondos en bo estado”.
A concelleira de Cultura indicou que “na planta baixa cambiaranse as luminarias a leds, colocaranse algúns expositores novos e adecuaremos o patio para facer algunha actividade fóra no verán”.
Begoña Sanjurjo engadiu: “iremos pouco a pouco, como estamos a facer na escola de música. Conscientes de que a Biblioteca precisa dunha reparación na cuberta, nas ventás e tamén na calefacción, pero neste momento é imposible acometer estas obras. O abandono das instalacións municipais durante moitos anos fai que agora os problemas sexan moi grandes, cando se puideron ir amañando ós poucos”.