Ribadeo, 21 de marzo de 2025. Ribadeo mellorará a seguridade na pista de skate, segundo ven de anunciar o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent.
O edil ribadense dixo que “imos colocar novas redes de seguridade e anti vandálicas en toda a pista. Queremos que as instalacións deportivas de Ribadeo estean nas mellores condicións posibles e é importante contar con materiais de reforzo e de maior calidade para garantir a seguridade das usuarias e usuarios”.
Silvent indicou: “tamén queremos aproveitar para facer unha chamada ao civismo de todas as persoas que acoden á pista de skate e ao resto de recintos de Ribadeo para que os disfruten e os coiden, porque iso será positivo para todos”.
O concelleiro de Deportes agradeceu “o labor dos técnicos municipais, xa que grazas a eles conseguimos incautar a fianza e este mes darémoslle solución aos problemas de iluminación da pista de skate. É unha instalación que nos encontramos nun estado moi deficiente e traballamos sen descanso para corrixir toda esta problemática o antes que se poida”.