Ribadeo, 5 de marzo de 2025. Ribadeo investirá 100.000 euros na mellora de varias estradas grazas á colaboración da Xunta de Galicia. As obras comezan estes días.
O alcalde, Dani Vega, explicou que “seguimos mellorando as nosas estradas, seguimos investindo nas nosas infraestruturas, sendo conscientes que moitas delas están moi mal. Pero dentro deste ano e medio de goberno estamos intentando chegar a todos os puntos. É bastante complexo actuar tan rápido, pero estamos investindo moito. Somos o Concello que máis inviste en infraestruturas, dado que é sumamente importante investir nas comunicacións”.
O rexedor subliñou que “se queremos unhas parroquias, un rural vivo, debemos ter boas comunicacións. Nosoutros sempre dixemos que había que ir programando unha inversión. Neste caso, xestionamos 100.000 euros ante a Xunta de Galicia para investir en moitos puntos. Vamos, xa desde hoxe, actuar en Arante, en Vilela, nas Anzas, na estrada que comunica Santalla con Coxuela e tamén en Vilaframil. Polo tanto, estes 100.000 euros chegan a todos estes puntos, xa que as estradas atopábanse en moi mal estado”.
Vega engadiu: “repito, sei e sabemos todos desde o Concello, que hai motos puntos nas parroquias que tamén están moi mal, pero dentro desa inversión de 690.000 euros vamos ir durante todo este ano ir chegando a eses puntos, que somos realistas e somos conscientes que están moi mal”.
Para o alcalde ribadense “investir en infraestruturas eu creo que é moi importante, investir estes 100.000 euros e empezar agora dentro dunha programación de inversión eu creo que é o máis importante, planificar para resolver os problemas”.