Ribadeo, 21 de marzo de 2025. Ribadeo instalou tres cámaras de vixilancia de alta resolución, que servirán para controlar o tráfico, as infraccións e os actos vandálicos.
A concelleira de Seguridade, Montse Seijo, contou que “o Concello de Ribadeo instalou tres cámaras de vixilancia de alta resolución. Con elas, melloraremos en seguridade. Isto para nós, sempre é unha prioridade”.
A edil ribadense subliñou que “damos un paso máis para que o comercio e os viandantes da vila se sintan máis seguros, algo que levan demandando desde fai tempo. Estas cámaras contan con detección automática de matrículas conectadas coa DXT para un maior control do tráfico, o que conseguirá que se reduzan os delitos e as infraccións. O centro de control estará xestionado pola Policía Local, onde se poderán ver as imaxes en tempo real e quedarán rexistradas as gravacións”.
Seijo indicou que “proximamente instalaranse novos carteis informativos de zona vídeo vixiada. As cámaras estarán un tempo en proba para acreditar o bo funcionamento. Con esta medida, melloraremos a seguridade de Ribadeo e estamos convencidos que será unha forma disuasoria para os vándalos”.