Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo conmemora o 8M cunha programación centrada na igualdade, a historia e a visibilización das mulleres

Ribadeo, 5 de marzo de 2025. Ribadeo conmemora o 8M cunha programación centrada na igualdade, a historia e a visibilización das mulleres. Vaise desenvolver ao longo de todo o mes de marzo.

A Área de Igualdade do Concello presenta unha ampla programación para conmemorar o Día Internacional da Muller. A concelleira Begoña Sanjurjo explica que “teremos exposicións, teatro, concursos, cine e mobilizacións, as actividades buscan recoñecer o papel das mulleres ribadenses no pasado e no presente, así como fomentar a reflexión sobre os retos aínda pendentes en materia de igualdade”.

A edil de Igualdade sinala que “dentro duns días poderemos gozar no parque de San Francisco da exposición Mulleres x mulleres. Con esta mostra pretendemos promocionar e valorar o potencial das mulleres de Ribadeo do pasado, do presente e do futuro dando a coñecer o valor dos seus logros, creación, achegas… Os centros educativos participarán nunha actividade para achegar esta realidade ás novas xeracións”.

Sanjurjo segue a relatar que “este venres, 7 de marzo, ás 20:30 horas no Cine Teatro terá lugar a representación de La Moderna. Máis de 30 menores ribadenses protagonizan esta obra, que nos fai viaxar a través da historia para entender os cambios sociais en materia de igualdade e os desafíos que aínda quedan por superar”.

A concelleira ribadense engade que “o propio sábado, 8 de marzo, o Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza a tradicional marcha do 8M, á que o Concello de Ribadeo se suma para reivindicar os dereitos das mulleres”.

Begoña Sanjurjo subliña que “do 7 ao 27 de marzo desenvolverase o Concurso de Fotografía Qué é para ti a Igualdade?, que está aberto a toda a comunidade ribadense. Este certame busca plasmar en imaxes diferentes visións sobre a igualdade de xénero. O 19 de marzo ás 20 horas no Salón dos Alcaldes do Concello terá lugar a proxección do documental A nave das Marías, de Saamira Ganay. Trátase dunha proxección que xera espazos de visibilización e participación para mulleres migrantes, en colaboración coa ONG Ecos do Sur. Contaremos para a presentación e posterior coloquio con Cris Andina. Este documental foi finalista nos Premios Mestre Mateo”.

A concelleira de Igualdade engade que “a programación organizada arredor do 8M inclúe unha charla sobre Osteoporose: prevención e coidado, a cargo do xinecólogo Ezequiel Cardoso González. Será o 20 de marzo ás 20 horas no centro social comunitario. E remataremos o 23 de marzo cunha viaxe a Santiago de Compostela para presenciar o espectáculo A burra, a mesa e o pau. As prazas son limitadas. Para asistir é preciso inscribirse no teléfono do CIM 982 120 739 ata o 12 de marzo. O prezo é de 5 euros”.

A edil indica que “Ribadeo aposta pola igualdade e a visibilización das mulleres. Animámosvos a sumarvos e participar nestas actividades”.

Exit mobile version