Ribadeo, 27 de marzo de 2025. Ribadeo acollerá o vindeiro domingo, 30 de marzo, o XXVII Torneo de Ximnasia Rítmica, que organiza o club local Escola Porta Norte e o Concello. O evento reunirá a preto de 700 ximnastas.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, contou que “a competición arrincará na primeira quenda a partir das 10:30 da mañá, na que competirán as ximnastas do nivel Interescolar. A partir das 12:30 a competición reanudarase coas ximnastas dos niveis Promoción e Pre-base. O torneo cerrarase coa competición Escolar na xornada de tarde, que dará comezo ás 16:30 horas”.
O edil ribadense dixo que “o Torneo reunirá a unha gran maioría de clubs e escolas lucenses, aínda que tamén contará coa participación de clubs do resto de Galicia. A xornada pecharase sobre as 18:30 da tarde, coa participación de ximnastas nacionais de toda a provincia, que moi pronto representarán a Galicia no Campionato de España. Desde o Concello queremos desexarlles xa moita sorte”.
Silvent subliñou que “vai ser un domingo moi importante para Ribadeo no ámbito deportivo e para a súa dinamización hostaleira e comercial, porque estamos a falar da presenza de 700 ximnastas e dos seus acompañantes durante toda a xornada na nosa vila”.
Na presentación do XXVII Torneo de Ximnasia Rítmica participaron o alcalde, Dani Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, o técnico municipal de Deportes, Iván López, e Nelly Bouso, directora técnica da Escola Porta Norte.