Site icon Crónica3.com A Mariña

Reparto de puntos entre Burela FS e Industrias Santa Coloma (1-1)

Os cataláns fóronse ao descanso por diante grazas a un tanto de Marc Tolrà e igualaron os mariñaos aos 48 segundos da reanudación cun gol do capitán Isma

Burela, 1 de marzo, 2025. O Burela FS e o Industrias Santa Coloma asinaron táboas (1-1) nun encontro valedoiro para a vixésimo primeira xornada da Primeira División masculina disputado no pavillón de Vista Alegre. O choque entre mariñáns e cataláns tivo momentos de dominio para cada equipo e a vitoria puidérona levar ambos, pero ao final quizá a repartición de puntos foi o resultado máis xusto para dirimir os méritos de ambos contendentes.

O primeiro tempo entre bureleses e colomenses non contou con moitas oportunidades de gol e as máis claras foron dos visitantes. Álex Verdejo avisaba no primeiro minuto cun lanzamento raso que se ía por moi pouco e no minuto 4 tiña que intervir Kaluza nun balón que pelexaba Leandrinho. Conseguía rematar o brasileiro ante o marco laranxa, pero taponaba moi ben o porteiro internacional polaco.

A primeira acción de perigo dos laranxas non chegaría ata o minuto 13, cando Isma non lograba chegar no segundo pau a un saque de banda moi ben executado por Pitero. Acto seguido adiantaríanse os cataláns tras unha gran combinación entre Leandrinho, Povill e Tolrà, que finalizaba cun disparo deste último que se lle coaba por baixo das pernas a Kaluza.

Industrias tivo o segundo no minuto 16, nunha acción na que Cardona se ía en primeira instancia de Kaluza, pero marchábaselle o control definitivo e non podía rematar a gol a porta baleira. Nos últimos segundos da primeira entrega chegaría a última ocasión para os locais, nun balón que recibía no corazón da área Isma e o capitán probábao de taconazo, pero o coiro tocaba en Puchy e chegaba manso aos dominios de Borja Porta, que se adiantaba a Alberto.

O segundo período empezaba con boas noticias para os laranxas, que igualaban aos 48 segundos da continuación nunha gran acción de Rikelme no á dereita. O seu centro-chute tocábao o xusto Isma para bater a Borja Puerta e levar as táboas ao electrónico.

O Burela quixo aproveitar o vento de cola do gol e dispuxo de varias oportunidades para poñerse por diante, pero non as aproveitou. Borja Puerta sacaba coa cara un disparo envelenado de Pitero no minuto 24 e no 30 o canteirán loitaba por un balón na frontal da área do conxunto visitante que finalmente lle quedaba morto a Charly. O coruñés enganchábaa de primeiras e o esférico íase moi preto da escuadra. Despois, dúas accións case idénticas non puideron ser concretadas por Alberto nin por Pitero. Ambos quedaban a un suspiro de rematar no segundo pau senllos envíos de Isma e Marc Campàs, respectivamente.

O cadro de Santa Coloma volvía estirar as súas liñas cara ao final e no 35 tiña que meter o xusto un pé Kaluza para desviar un tiro perigosísimo de Cardona que realizara unha gran parede con Nil. Respondía Araya para os locais tras unha contra conducida por Isma, pero o chileno remataba moi forzado e escorado, atopando a resposta do meta catalán.

Cardona e Corso dispoñían dunha dobre ocasión cando xa restaban pouco máis de catro minutos para a conclusión. O primeiro conectaba un disparo cruzado con moita pementa ao que respondía cun gran pé Kaluza e, tras o rexeite, o segundo remataba directamente fóra.

Buscaron o tanto do triunfo os visitantes con Puchy de porteiro-xogador nos últimos 3 minutos e 23 segundos de xogo, pero os laranxas defendéronse ben e cando non o facía a zaga, aparecía por detrás un providencial Michal Kaluza. Fíxoo a 23 segundos da conclusión nun disparo de Povill desde o corazón da área tras unha boa parede con Leandrinho desde liña de fondo e volvía ser determinante a tres segundos do bucinazo final cando se ía moi ben abaixo para despexar coas pernas un lanzamento de Álex Verdejo. O rexeite caía a Charly, pero o disparo do coruñés desde campo propio non atopaba a desguarnecida portería contraria e íase moi desviado.

Con este punto, os laranxas seguen colocados na undécima praza con 23 puntos, pero agora aumentan a distancia co descenso a 8 puntos, unha posición que ocupan o ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra e o Wanapix Sala 10 Zaragoza.

Ficha Técnica Burela FS 1-1 Industrias Santa Coloma

Burela FS (1): Kaluza; Araya, Charly, Rikelme, Isma -quinteto inicial-, Pitero, Juninho, Alberto e Marc Campàs.

Industrias Santa Coloma (1): Borja; Tolrà, Povill, Puchy, Álex Verdejo, Tolrá -quinteoto inicial, Leandrinho, Cardona, Corso, Nil e Víctor Ramos.

Goles: 0-1, min. 14: Tolrà. 1-1, min. 21: Isma.

Árbitros: Cubero García (Madrid) e Salomé Vizuete (Extremadura). Amoestaron ao visitante Nil.

Incidencias: Encontro da vixésimo primeira xornada da Primeira División masculina disputado no pavillón de Vista Alegre diante duns 800 espectadores.

Exit mobile version