Din que músculo que non se usa, atrófiase. E calquera aparello que non é usado, remata por estragarse, de xeito que cando se pretende usar, pode non responder… A democracia, tamén. De feito, estámolo a vivir.
Teño estado presente en numerosos plenos municipais de Ribadeo, como público sempre, moitas veces acompañando a xente como José María Rodríguez ou Pepe Salvatierra. En diversos mandatos. A última vez, onte, martes 18 de marzo. E onte volvín a lembrar un sentimento que tiven moitas veces ó facer o seguimento do pleno.
Hai sentimentos que son moi comúns e que aínda que non sexan sempre e para todo o mundo igual, están normalizados por unha verba: ledicia, desacougo, temor… Pero mesmo neses, hai situacións que necesitan cualificarse mellor para achegarse a comprendelos. O que me pasa nos plenos (e cónstame que non son o único a quen lle pasa algo parello) necesita un pouco de explicación. En parte, porque sempre puiden ver que a asistencia é moi minoritaria, en parte polo mesmo funcionamento dos plenos, xa dende antes da súa convocatoria.
Coido que os plenos municipais están concibidos como exercicio democrático: alí se discuten cousas e logo se toman decisións, tendo participación diferentes representantes do pobo. Mais, a quen se asome por un pleno, esa concepción pode soarlle a algo estraño. Se vas de público, moitas veces non tes oportunidade de acceso ós documentos que alí se tratan. Mesmo parece que máis dunha vez algúns dos que están sentados nas butacas que lles corresponde tampouco tiveron acceso adecuado. Onte era inútil a procura na sede electrónica do concello da convocatoria, co que a xente que acudimos, fomos alí (ao menos a maioría) pola propaganda pola que o goberno municipal gabou o que presentaba na sesión. Propaganda, non anuncio, pois trataba de difundir unha visión das cousas e non un resume obxectivo. De calquera xeito, propaganda que non logrou (coido que tampouco era o seu fin) que houbera máis público que participantes de oficio.
En canto ó desenvolvemento do pleno, as introducións ós puntos lidas polo secretario puxeron, como é habitual, a proba a intelixencia e comprensión do público asistente, que non tiña participado nas sesións da Xunta de Goberno. Chama a atención que pareza que a principal función dos concelleiros sexa levantar a man; por iso citei a José María ó comezo: el sempre dicía que era mellor que fora un por partido, por exemplo cun carteliño que puxera o número de concelleiros do seu grupo para levantalo cando fose necesario. As discusións, pola súa banda, poden corresponder ó tratado… ou non. É dicir, pode adicarse máis tempo a xulgar o que se fai noutros concellos, por ser de diferente signo político, poñamos por caso, noutros tempos (outro mandato municipal), ou á autoposta de medallas, que en discutir os pros e contras para a poboación da decisión que está sobre a mesa. E que se fixera algunha vez solta, puidera ser ilustrativo, aportar valor. Que se faga coa frecuencia común nestes casos, sinxelamente é como mínimo, distrativo, unha distracción. E poderiamos seguir.
Alongaría estas palabras o facer unha revisión do chamado regulamento de participación cidadá, que permite ó alcalde, despois do pleno, contestar a preguntas que se lle poden facer dende as asociacións. Asemade o alongaría explicar o por que ese mecanismo caeu en desuso en Ribadeo.
Por suposto, mellor é algo que nada, non? E non, non creo que teña que estar todo o pobo nos plenos, para iso está a representación política. Pero está claro que a democracia, se non se usa, se non se coida, pérdese. E unha cousa é non estar nos plenos e outra só seguir, como moito, a propaganda dun ou outro partido colgándose medallas ou atacando de calquera xeito a quen ten unha postura diferente. E así, por costume, rematamos cos reflexos condicionados, deixando a política en mans de… quen?