Este 14 de marzo cúmprense cinco anos dunha data que non esqueceremos nunca e dunha palabra que xa forma parte das nosas vidas: o covid. Lembro os pobos e as cidades baleiras, ese silencio estremecedor, ese “Resisteré”, que se converteu en todo un himno e que aínda cando o escoito sinto un calafrío polo corpo. Lembro situacións, que hoxe ata parecen de risa, como aquilo dunha persoa, un coche, ou que unha parella que durmía na mesma cama, tivese que ir un diante e o outro detrás no seu vehículo.
Para o recordo queda toda a confusión coas luvas, as mascarillas, as posibles formas de contaxio, as colas para poder acceder aos supermercados, os problemas de abastecemento, o peche de concellos, comarcas ou autonomías e sobre todo esa necesidade de saír á rúa a respirar, a pasear, a socializar, a abrazar, a gozar da liberdade… cousas e momentos que un non sabe o que realmente valen ata que as perde.
Para a lembranza queda toda unha onda de solidariedade que foi espectacular por parte de cidadáns anónimos, de asociacións, de administracións. Esa saída ás ventás, aos balcóns, ás portas para aplaudirlles aos sanitarios, aos que agora uns poucos, por desgraza, golpean e maltratan nas consultas e nos hospitais.
E lembro unha frase: desta pandemia sairemos moito mellores, máis fortes e seremos mellores persoas. Erro total. Saímos moito peores, sobre todo máis egoístas, primeiro eu, despois eu e despois tamén eu. O que temos ao carón non nos importa, en liñas xerais, absolutamente nada. Sería ben que tomemos un tempo, pechemos os ollos e reflexionemos. Merecen a pena a solidariedade, a empatía, a honestidade, a educación, a verdade, o compromiso, a palabra dada… todo iso vale moito máis que a confrontación, as disputas, as mentiras ou a crispación. Viviríamos moito mellor facendo un pouco felices aos demais, só un pouco.
Carmen Cruzado (Xornalista)