Foz, 24 de marzo, 2025. A asociación cultural A Pomba do Arco, en colaboración co Mariña Patrimonio e Tempo Galiza, organiza este xoves 27 de marzo ás 20:30 na Casa da Cultura Poeta Manuel María de Foz a presentación do libro A fraga dos teixos.
A presentación do libro correrá cargo do presidente de Mariña Patrimonio, Manuel Miranda, e do autor do libro, Xosé Salvadores Cobas. Salvadores, enxeñeiro forestal, ensinante xubilado e histórico activista do movemento ecoloxista galega, como directivo da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (ADEGA) achega neste libro un caderno de campo sobre a flora e a fauna da comarca da Mariña.
O traballo de Salvadores parte dunha iniciativa desenvolvida na parroquia de Lindín, en Mondoñedo. Neste lugar, concretamente no monte do Padornelo recuperou unha hectárea monte para convertela nun bosque de teixos, nunha zona plantada na súa práctica totalidade por eucaliptos. Esta experiencia, levouno a acometer durante tres anos unha investigación máis ampla sobre a flora e a fauna da Mariña.
Salvadores recoñece no seu libro que “sorprendeume moito atopar durante o desenvolvemento destes traballos especies que están, practicamente, desaparecidas na Mariña como poden ser as plantas de arandos, que eran moi abondosas e das que hoxe case non fica rastro. A nivel de flora atopei especies como o caracol quinquer, hoxe en vías de extinción no conxunto da Galiza, así como insectos ou mamíferos que non agardaba atopar nesta comarca”.
As razóns que levaron a Salvadores a crear este espazo no monte do Padornelo responden a súa vontade de “deixar biodiversidade que tanto necesita a nosa terra e o planeta, porque é deixar saúde, porque o que eu poida adiantar plantando é gañar tempo que non se pode comprar”. Na mesma dirección, afirma que con esta actuación “quero corrixir algo da miña pegada ecolóxica e devolver á terra o que ela me deu”.
A aposta de Salvadores polo teixo atende” a que hoxe quedan poucas exemplares porque non tivo moita sorte por tratarse dunha especie que tarda moito en medrar”. Neste sentido, lembra “o territorio galego estivo ocupado durante centos de anos polo teixo, como ficou reflectido na nosa toponimia. É unha árbore que representa a inmortalidade, por iso estaba plantada perto das igrexas”.
O autor do libro A fraga dos teixos considera que “o potencial forestal da Galiza é brutal. O problema é que monte está desordenado e a súa produción está dirixida á fabricación de celulosa e non xera valor engadido. A corta das árbores mata rasa, para entendernos a feito, só se fai a nas colonias, nos países subdesenvolvidos”.