Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón ve imparable “a marea de dignidade que xa percorre Galiza contra Altri e que non vai permitir a gran traizón do PP”

Chama a seguir mobilizándose para evitar que o Goberno máis desleal da nosa historia poña os intereses dunha empresa por riba da xente do País

Santiago de Compostela, 16 de marzo 2025. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chamou aos galegos e ás galegas a seguir mobilizándose para que a marea de dignidade que xa percorre Galiza contra a instalación de Altri en Palas de Rei siga medrando, convencida de que ese vai ser o camiño para facerlle fronte á “traizón” do Goberno de Rueda, o máis desleal da historia do noso País que “pon os intereses dunha empresa por riba dos galegos e as galegas”.

“A xente deste país non vai calar e, fronte a traizón do Partido Popular, estamos vendo a dignidade dos galegos e das galegas que imos parar esta auténtica atrocidade. Polo tanto, fronte a traizón do Partido Popular o que queda é mobilización, mobilización e mobilización”, afirmou en Arzúa, onde participou, xunto ao alcalde, Xoán Xesús Carril, e outros cargos do BNG, nunha das concentracións cidadás convocadas pola Plataforma Ulloa Viva contra a macrocelulosa.

A líder do BNG considerou que as protestas deste domingo reflicten o malestar cidadá contra a decisión “política” do PP na Xunta, que acaba de publicar a Declaración de Impacto Ambiental para colocar no corazón do País “a bomba ambiental” de Altri, unha industria contaminante que ameaza “o medio de vida, o traballo e o futuro” de miles de galegos e galegas que viven do rural e do mar, dende a comarca de Arzúa-Ulloa até a de Arousa, desde O Barbanza até Palas de Rei, subliñou.

Protestas, engadiu, que son ademais o anticipo da gran manifestación convocada para o próximo sábado, día 22, na Pobra do Caramiñal, na que se poderá ver a forza da xente, “de todas as persoas que lle queremos a Galiza e queremos que teña futuro” e que van dar a batalla en defensa dos 8.000 postos de traballo que Rueda está disposto a destruír para beneficiar a unha empresa de fóra.

Pontón manifestou que coa publicación da DIA da macrocelulosa, que aínda non é definitiva porque faltan pasos na tramitación interna do proxecto, “estamos vendo como o Partido Popular vai dando pasos que confirman o que sempre dixemos desde o BNG, que estamos ante unha decisión política, que o Goberno de Rueda quere impoñerlle á xente deste País unha industria contaminante que pon en risco o río Ulla e a ría de Arousa, que pon en risco tamén toda a produción agraria que hai na comarca Arzúa Ulloa”.

Neste punto, emprazou a Alfonso Rueda a contestar, porque aínda non o fixo, unha “pregunta moi simple: se a macrocelulosa é tan boa por que non a queren en Portugal?”. Reclamoulle, ademais, que por unha vez escoite o que a xente que lle está dicindo na rúa e que deixe de criminalizar os milleiros de persoas que están expresando a súa oposición aos plans de Altri e da Xunta porque son que son “un disparate e un desastre” desde o punto de vista medioambiental e un golpe á economía de comarcas como a de Arzúa, onde hoxe se celebra a Festa do Queixo, cunha denominación de orixe “que é unha das máis importantes do noso país, da que viven moitas familias e que, desde logo, é un valor cultural”, subliñou.

“O próximo sábado temos unha cita central na Pobra do Caramiñal e quero facer un chamamento a que todas as persoas que lle queren a Galiza, que queren que teñamos industrias de futuro e non industrias contaminantes como Altri: saiamos á ruas a decir Altri, non!”, concluíu.

Exit mobile version